Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Bergondo

Así será a segunda Mostra de Teatro no Mosteiro en Bergondo

Celebrarase do 3 ao 5 de setembro con tres espectáculos para públicos de todas as idades e entrada gratuíta

Presentación teatro no Mosteiro
Presentación teatro no Mosteiro
Germán Barreiros
banner-620x50
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50
beowner620

O claustro do Mosteiro de San Salvador de Bergondo converterase entre os días 3 e 5 de setembro nun escenario teatral coa celebración da II Mostra de Teatro no Mosteiro, unha iniciativa impulsada polo Concello de Bergondo e a asociación Catro Gatos, co apoio da Deputación da Coruña.

O festival nace co obxectivo de combinar patrimonio, artes escénicas e asociacionismo cultural, ao tempo que busca dinamizar o patrimonio histórico e artístico e achegar o teatro a novos públicos. 

A programación desta segunda edición estará composta por tres espectáculos a cargo de Galeatro, o grupo de teatro afeccionado da asociación Catro Gatos e Dani Blanco Cía, con propostas dirixidas tanto ao público familiar como adulto. As funcións serán ás 21.00 horas e a entrada será libre ata completar o aforo, limitado a 150 persoas. 

A presentación da mostra tivo lugar este luns na sede da Deputación da Coruña, nun acto no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a concelleira de Cultura de Bergondo, Patricia Vázquez; a representante da asociación Catro Gatos, María José Ferreño, e os integrantes de Galeatro Tone Martínez e Alba Bermúdez. 

Durante a presentación destacou-se o éxito acadado na primeira edición e a importancia de manter iniciativas que permitan, por unha banda, poñer en valor o patrimonio histórico-artístico e, pola outra, favorecer a creación de públicos e novos espazos para as artes escénicas. 

O Mosteiro de San Salvador, declarado Ben de Interese Cultural, é un dos exemplos máis destacados da evolución do románico na comarca das Mariñas e no conxunto de Galicia. O seu claustro acollerá durante tres noites unha programación que combinará teatro, memoria, tradición e humor. 

A programación comezará o xoves 3 de setembro, ás 21.00 horas, con Muiñada, da compañía Galeatro. Trátase dun espectáculo dirixido ao público familiar que propón unha viaxe ao pasado para achegar os máis pequenos á memoria dos seus avós e avoas e ás tradicións populares. 

A obra conta a historia de Sabela e Xacobe, que coinciden nun muíño de auga por un malentendido coa quenda. Ao descubrir que non poden moer ao mesmo tempo, os dous comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a música e a tradición serven para descubrir a importancia que estes edificios tiveron na vida e na cultura de Galicia. 

O venres 4 de setembro, tamén ás 21.00 horas, a mostra dará protagonismo ao teatro afeccionado coa representación de Encrobas, unha montaxe dirixida por Tone Martínez e interpretada por Elvira Varela, Óscar García, Arantza Rodríguez, Jose María Martínez, Soraya Sampedro, María José Ferreño e Lucía Ruiz. 

A peza, de carácter documental e baseada na creación colectiva, recupera un episodio fundamental da historia social recente de Galicia: a resistencia labrega no val das Encrobas durante os anos 70 fronte á expropiación forzosa das súas terras por parte do Estado franquista e da empresa FENOSA. 

A través do teatro, a montaxe recupera a memoria daqueles acontecementos e das persoas que protagonizaron unha das mobilizacións sociais máis significativas da Galicia dos anos setenta. 

A II Mostra de Teatro no Mosteiro rematará o sábado 5 de setembro, ás 21.00 horas, con Absurdia, de Dani Blanco Cía, un espectáculo de improvisación destinado ao público adulto. 

A proposta reúne sobre o escenario a Arturo Cobas, Antón Coucheiro e Daniel Blanco e combina o teatro do absurdo coa poética do clown. Os intérpretes crean personaxes, diálogos e situacións a partir das suxestións do propio público, polo que cada función se converte nunha experiencia diferente. 

Absurdia emprega o humor e a improvisación para reflexionar sobre diferentes aspectos da condición humana, como a inxenuidade, a soidade, a fraxilidade, os fracasos ou a incomunicación.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620