A Deputación agarda autorización do Adif para solucionar o punto negro de Villa Julia, en Bergondo

A deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, reuniuse coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o primeiro tenente de alcaldesa, Juan Fariña, para avaliar o proceso de redacción do proxecto para mellorar a seguridade viaria no punto negro da estrada DP-0810, en San Paio á altura da finca Villa Julia.
No encontro, celebrado no pazo provincial e no que tamén participou o equipo redactor, trasladouse que, unha vez conseguido o informe favorable por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, para poder seguir avanzando na redacción do proxecto é necesario que o Adif dea a autorización pertinente para levar a cabo os traballos que afectan á zona da vía do tren.
Mónica Rodríguez quixo trasladar á alcaldesa e ao primeiro tenente de alcalde que “o proxecto avanzou sempre con pasos firmes, desde que coñecemos o visto bo de Patrimonio nunca deixamos de traballar para poder executalo o antes posible, somos conscientes de que é un problema de seguridade gravísimo que arrastramos desde hai moitos anos”. “Ao igual que fixemos no seu momento con Patrimonio, pedimos ao Adif que desbloquee este asunto con urxencia, a seguridade ten que ser unha prioridade”, afirmou.
Ademais, a deputada quixo reiterar o agradecemento á veciñanza “pola paciencia que tivo e está a ter durante todos estes anos” e salientou que “o proxecto que temos para mellorar a seguridade viaria na zona farase de forma respectuosa co patrimonio pero exercendo a autoridade pública para protexer a vida das persoas que pasan por esta estrada”.
O tramo da estrada DP-0810 entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, na contorna de Villa Julia, presenta "un ancho de calzada moi reducido, curvas de radio mínimo, escasa visibilidade e ausencia de espazo peonil, malia tratarse dunha zona con numerosas vivendas e un elevado tráfico de vehículos, incluso pesados", explica a Deputación.













