Laura Villar, creadora de Aranga que asistiu ás Residencias de Mariñán: “Esta experiencia deume a seguridade que antes non tiña”

A Deputación da Coruña clausurou as Residencias Artísticas Mariñán 2026 cun encontro ao que asistiu a responsable de Cultura da institución, Natividade González, os comisarios e os residentes de cada unha das categorías que, desde o pasado 13 de abril, compartiron experiencia e creación nos espazos do antigo Pazo de Láncara. Nesta edición seleccionaron 15 proxectos, a cifra máis alta de todas as celebradas, o que consolida Mariñán “como espazo de referencia para a creación contemporánea” en Galicia.
Entre os seleccionados na área de Creación de Contidos en Redes Sociais estivo ‘Séculos Escuros’, de Laura Villar Loureiro. Esta veciña de Aranga centrou o seu traballo na revisión do traxe tradicional desde unha perspectiva contemporánea, pero a súa experiencia en Mariñán superou todas as espectativas: “Tiña certa inseguridade á hora de poñerme diante da cámara, e esta experiencia deume seguridade para explicar non só o resultado, senón todo o camiño que hai detrás”, recoñeceu a creadora, que presentou a súa idea animada por Leti Mayán, que tamén estivo entre as elixidas, por ‘Adochinto’.
Deseñadora de moda, estilista e creadora visual, explicou que a súa intención foi “non quedar só no aspecto folclórico, senón dar contexto ao proceso”, afondando na historia, na simboloxía e nas transformacións da vestimenta ao longo do tempo.
A súa proposta parte dunha liña de traballo xa presente na súa traxectoria: reinterpretar a tradición galega para facer dela unha linguaxe actual. “Toda a miña inspiración vén de Galicia, da súa cultura e da súa historia. O que busco é darlle unha volta á tradición e facer que siga sendo válida hoxe”, di Villar.
Toda a miña inspiración vén de Galicia, da súa cultura e da súa historia. O que busco é darlle unha volta á tradición e facer que siga sendo válida hoxe
O seu proxecto vai máis alá da dimensión visual porque, a través das súas coleccións, pretende transmitir mensaxes vinculadas á identidade, á memoria e á historia social de Galicia. Temas como a emigración ou a construción do prestixio cultural aparecen como liñas de investigación no seu traballo.
Así, ‘Séculos Escuros’ nace como unha oportunidade para afondar nun período histórico marcado pola opresión cultural e lingüística, establecendo paralelismos coa evolución da vestimenta. “Quería mergullarme nesa etapa e relacionar literatura, historia e moda, para construír un relato máis completo”, engadiu a deseñadora.
Un dos grandes desafíos para a creadora foi dar o salto á comunicación en primeira persoa. Acostumada a amosar o resultado final das súas coleccións a través de fotografía, a residencia permitiulle explorar outras formas de narrar o proceso, especialmente en contornas dixitais.
Tras destacar o ambiente de “apoio mutuo”, de liberdade creativa e intercambio, avanza que a súa intención é continuar desenvolvendo esta liña a través das redes, combinando contido divulgativo e creativo porque estes días en Mariñán tamén xurdiron novas colaboracións e novas ideas.
Clausura
Tamén os asistentes ao acto de clausura salientaron a importancia destas residencias como un apoio á creación, “ofrecendo tempo, espazo e acompañamento ós participantes para desenvolver os seus proxectos en condicións axeitadas”, indica a Deputación da Coruña.
Na súa intervención, a deputada Natividade González destacou que, por primeira vez, “creadoras e creadores de contido forman parte deste programa”, ao tempo que reafirmou o seu compromiso para que “as Residencias Artísticas Mariñán sigan crecendo” e continuen sendo “todo un referente para o noso país”, engadiu a deputada da Área de Cultura.
Asimesmo, eloxiou o compromiso dos comisarios: Roberto Abuín (Literatura e Pensamento), quen puxo en valor que “existan este tipo de espazos no noso país” e destacou que, además da convivencia artística e intelectual, nestes días “creanse tamén amizades e técense redes”, “o que levamos dentro cando saímos”; Aitana Cuétara (Música), quen salientou que é esencial que “eses procesos tamén permitan o erro, para que poñan a súa creatividade diante e, se non funciona, que o volvan tentar”, e Xiana Iglesias (Creación de Contidos Socioculturais en Redes) que definiu as residencias como “un bo espazo no que poder profesionalizarse un pouquiño máis” e un “lugar marabilloso para se xuntar, desvirtualizar, crear sinerxías”.
Na categoría de Música estiveron O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco, Tránsito e PAVA; na de Literatura, Javier Humberto Rodríguez Alonso (‘Nunca morreramos tan xuntos’) e Petra Iglesias Gallego (‘Disforia: unha mancha de pel allea’) e en Pensamento, Cristina Rodríguez Barrado, con ‘PIM PAM PUM: un entroido!’, e Carlos Fernández López, con ‘Curvas e pregos. Escuma ou Crinas’.
No apartado de Creación de Contidos Socioculturais en Redes Sociais, además de 'Seculos Escuros' de Laura Villar, desenvolvéronse os proxectos ‘CienciA: catro pioneiras galegas’, de Yeray Folgar Cameán; ‘Cultura ao descuberto’, de Candela Lola Battiato Miñones; ‘carlotaghatos’, de Carlota Casal Ramos, e ‘Adochinto’, de Leticia Mayán Rodríguez.












