Luar na Lubre, Entresons e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre actuarán no festival de Sisalde
A banda de Bieito Romero atópase en plena xira de celebración do seu 40 aniversario

O Concello de Arteixo anunciou este luns o concerto de Luar na Lubre no marco do festival folk de Sisalde, que terá lugar o 5 de setembro nun dos entornos naturais máis especiais do municipio. A banda coruñesa clausurará un recital no que tamén estarán Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e a Escola de Música Entresons.
Para o músico Bieito Romero, emblema de Luar na Lubre, a cita ten aínda un carácter máis simbólico, pois é veciño de Armentón. “Vexo Sisalde desde a miña casa. Poucas fragas coma esa quedan na contorna da Coruña, é un lugar moi especial para nós, que xa tocamos varias veces neste festival”, explica o gaiteiro da formación, que celebra este 2026 a súa xira de 40 aniversario. Romero engade que “máis que un festival, é unha romaría que remata con concertos” e subliña o seu carácter familiar, “algo fundamental para que os máis pequenos manteñan o pulso da música tradicional e da cultura galega”.
O grupo, referente da música de raíz en todo o mundo, presentará “un espéctaculo no que a historia, a identidade e a emoción viaxarán da man”, sinala o Concello de Arteixo. Soarán, confirma Romero, temas clásicos como ‘Chove en Santiago’, ‘O son do ar’ ou ‘Camariñas’, pero tamén haberá temas de ‘Lubre: 40 Aniversario’, o disco-libro lanzado o pasado xuño para festexar a efeméride.
“Nesta xira os concertos están sendo moi interactivos e neste caso serao máis, porque tocamos na casa ante a familia e os amigos. Ademais, a nosa violinista, Nuria Naya, é a directora da Escola de Música Entresons e faremos algo coa súa bandiña, que son case todo rapaces. Creo que iso pode sintetizar ben o espírito deste festival, que é achegar a música galega a un abano amplo de idades”, comenta Bieito Romero.
Respecto ao de transmitir o amor pola cultura do país ás novas xeracións, o artista recoñece o “soño” que supón para el compartir escenario co seu fillo Bieito: “Telo ao lado é marabilloso. Nunca sabes se os teus fillos van seguir os teus pasos, el fixo un ‘clic’ e descubriu todo isto, que xa coñecía desde neno pero digamos que o viviu doutra forma. E superoume musicalmente con moito, que é o obxectivo”, conclúe Romero.















