A Asociación Xuvenil Xiradela, de Arteixo, celebra este sábado 20 (18.00 horas) o seu Festival de Música e Baile Tradicional, unha cita anual que nesta edición contará coa participación de 135 persoas: "13 grupos de pandeireteiras/os, sete grupos de baile e un grupo de gaitas e percusión formado por 20 persoas, todos eles coordinados por seis mestres", indica a organización.
"Logo de todo un curso practicando, aprendendo, e gozando da transmisión da nosa cultura tradicional, chegou o momento de expoñer todo o aprendido nestes meses", apunta a asociación, que anima a toda a cidadanía a acudir ao evento, no anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo.
Trátase, di Xiradela, dunha "data moi especial, xa que para algunhas das persoas participantes será a primeira vez que actúen en público e amosen o seu compromiso por manter viva a nosa cultura ensaio tras ensaio durante todo o curso".
'Raizame do 26' en Santa Cruz
Tamén o Grupo de Baile e Gaitas Santaia (Oleiros) celebra este sábado 20 o seu espectáculo de fin de curso. Será ás 21.30 horas na pista de Meixonfrío, en Santa Cruz, e leva por título 'Raizame do 26'. "É unha viaxe no tempo, unha recreación histórica, moito máis que un acto de fin de curso", explica José Luis Vázquez, coordinador.
"Todo é tradicional, hai un traballo de campo, desde falar cos nosos vellos e vellas ata o xeito de tocar, con pezas recuperadas dos cancioneiros antigos", comenta Vázquez, que indica que máis de 150 persoas con idades entre 4 e 80 anos subirán ao escenario para bailar, cantar e tocar diversos instrumentos tradicionais en 23 pezas musicais diferentes.













