Iván García | “O 'Murguía' é moi importante, aínda que o relato curto estea infravalorado”
O escritor acaba de gañar o premio literario arteixán

Iván García Campos (A Coruña, 1974) acadou o primeiro premio do ‘Manuel Murguía’ co relato breve que leva por título ‘A Comedia Intelectual’.
Que supón para un escritor que xa conquistou varios premios literarios gañar tamén o ‘Manuel Murguía’?
O ‘Murguía’ máis alá da persoa que lle dá nome e da contía económica, é un premio moi importante. Só hai que ver a nómina de escritores que o gañaron desde Xavier Alcalá, que creo que foi o primeiro. Ves a listaxe de nomes e ves que é un premio importante. Tamén hai que ter en conta que se presentan escritores con libros publicados. Non é que se presentaran ao premio e despois se convertisen en escritores de renome. Asimesmo, o propio xurado está composto de figuras destacadas o que tamén o converte nun dos certames máis importantes do sistema literario galego, a pesares de que o relato está moi infravalorado, a todos os niveis. Aínda que a dinámica parece que comeza a cambiar porque xa hai máis obra curta. Gañar o ‘Murguía’ supón un orgullo e máis cando levaba case 20 anos sen presentarme a ningún certame destas características. Pero non quería deixar pasar a oportunidade de facelo cando tiña este relato rematado e dábame pena deixalo aí nun caixón. Tamén teño que recoñecer que tiña algo de morriña de concurrir a un concurso despois de tanto tempo.
Que se vai encontrar o lector en ‘A Comedia Intelectual’?
Comezo por explicar por que escribin este relato e despois de que vai. Dante, despois de catorce mil e pico versos, rematou a ‘Divina Comedia’ co enigmático verso ‘O amor que move o sol e as estrelas’ e o escritor francés Paul Valéry deixou dito que que despois da ‘Divina Comedia’ e ‘A Comedia Humana’ de Balzac quedaba por escribir a comedia intelectual, e que o escritor que o fixese debería partir desa frase enigmática. A min iso quedóuseme gravado e dixen pois vou ser eu ese escritor. Dante escribiu poesía; Balzac, novela e ‘A Comedia Intelectual’ é relato. Así queda o triángulo pechado. De que vai? Pois do paso do tempo e como inflúe no resto dos personaxes. As persoas temos tres dimensións: o que temos, o que representamos e o que somos. As dúas primeiras son volubles porque están condicionadas pola realidade cotiá pero o que somos eso nunca varía. Tanto dá que un sexa panadeiro ou director dunha grande empresa, esteas nunha praia ou no deserto, se eres un cretino sempre serás un cretino. E diso vai o relato, de como o paso do tempo inflúe nesas tres dimensións.
“Estamos tendendo moito a facer textos sinxelos e non sei ata que punto estamos formando lectores cómodos”, dixo vostede. Aínda o mantén?
Ao que me refiro é a que as recomendacións que se fan nos medios tradicionais, e tamén en internet, son textos moi sinxelos e casi estamos afacendo o lector a lecturas cómodas e simples, limitadas a contar unha historia. E para min a fin da arte en xeral, e a literatura en particular, non é contar unha historia senón suxerir ideas ou propoñer historias que quedan fóra da historia escrita. Despois tes que ter fe en que o lector se dea conta de que hai algo máis que o que se lle está a contar. A arte vai máis de suxerir que de contar. Onde iso se ve moi ben é na escultura ou na pintura, nas obras inacabadas ou rotas como poderían ser a ‘Venus’ de Milo ou a ‘Vitoria’ de Samotracia.











