
Viós, en Abegondo, viviu este domingo un día de festa por todo o alto coa súa romería das Candeas, A Candeloria, na que se rendeu homenaxe ao porco e a un dos seus produtos derivados, o chourizo. Máis de 60 personas percorreron a parroquia para coñecer de primeira man o proceso de elaboración deste alimento, desde que o animal pasta en liberdade ata o afumado con loureiro.
“Unha viaxe do monte á lareira para honrar a un dos piares da nosa cultura gastronómica e social, a matanza do porco”, explicaba Pachi Patiño, presidente da asociación veciñal e guía dun roteiro no que varios veciños amosaron aos presentes distintos traballos: lavado das tripas, a ‘alquimia’ da zorza co adubo da carne, o embutido coas máquinas e o curado.

No grupo, moitos nenos que nunca viran en directo este proceso e que facían preguntas aos seus pais ou avós. Xa case ao final, o máis falador de todos eles condensou as dúas horas de ruta cun interrogante ou unha sorte de verdade universal: “¿A quen non lle gusta un chourizo da casiña?”.
Para Patiño, a Candeloria serviu non só para celebrar que medio inverno vai fóra, tal e como reza o dito popular. “Celebramos quen somos, de onde vimos e o orgullo de manter viva a chama da nosa identidade”, destacou.
Dentro do seu empeño por inculcar ás novas xeracións a importancia do rural e dos oficios tradicionais, edicións anteriores das Candeas en Viós tiveron como protagonistas o pan, o queixo ou as árbores autóctonas, por exemplo. A xornada dominical rematou con música e reparto de filloas, orellas e roscas.












