
Aos de Viós vailles a marcha. Que se festival de música, que se paella, que se Festa dos Veciños... e agora, Festa das Candeas o 1 de febreiro. Pero nesta parroquia abegondesa a ‘parranda’ sempre vai da man da cultura, do coidado do medio ambiente e da recuperación das tradicións locais. E así será tamén nesta edición da Candeloria, na que homenaxearán á matanza do porco e amosarán os procesos para elaborar, entre outras cousas, o chourizo.
“Unha viaxe do monte á lareira para honrar a un dos piares da nosa cultura gastronómica e social”, explica Pachi Patiño, presidente da asociación veciñal, que apunta que, mediante un roteiro, amosarán aos asistentes –especialmente aos nenos– unha actividade habitual nas casas galegas durante moitas décadas e que co éxodo rural á cidade foise perdendo. “Esta non é unha ruta calquera; é un percorrido polos sentidos e pola memoria. Queremos que nos acompañedes a redescubrir o ciclo completo dun produto que, durante xeracións, foi garantía de sustento e motivo de reunión”, engade Patiño, quen puntualiza que a expedición partirá ás 11.00 horas do instituto de Viós.
A primeira parada será a carballeira “e a súa quietude”. Alí, o visitante poderá ver a parella de cochos vivindo en liberdade, como se facía antano. “Queremos poñer en valor a alimentación natural e o respecto polo tempo que o animal necesita para medrar. Ver o porco entre os carballos é entender que o sabor do chourizo de Viós non se fabrica, senón que nace da terra”, manifesta o presidente.
O roteiro continuará despois polo “corazón do traballo artesán”, admirando algúns elementos da aldea “que son auténticos tesouros etnográficos, como a mesa de traballo de madeira, firme e testemuña de mil historias”. Aí será o turno dun labor “delicado pero fundamental”: o lavado das tripas. “É aquí onde as mans expertas da aldea amosan esa sabedoría herdada que non se aprende nos libros, senón de pais a fillos, mantendo vivos nomes e procesos que corren o risco de caer no esquecemento”, sostén Patiño. Despois, di, será a quenda da “alquimia da zorza”.
Un proceso cheo de alma
Os veciños de Viós consideran a técnica de elaboración dos chourizos como unha actividade “chea de alma”, por moi mecánica que poida parecer. Os pequenos descubrirán como se aduba a carne con pementón, allo e sal e como se dá forma ás pezas con máquinas de envasado.
“O noso camiño rematará no lugar máis sagrado de calquera casa galega: a lareira. Alí, os chourizos recén feitos atopan o seu lugar no medio do fume”, conclúe Pachi Patiño, quen destaca que se trata do “proceso final de conservación que asegura ter este manxar listo para consumir durante as merendas do verán”.
En Viós, manifestan os veciños, o 1 de febreiro “non só se van facer chourizos”: “Imos celebrar quen somos, de onde vimos e o orgullo de manter viva a chama da nosa identidade”, din desde unha directiva que colleu as rendas da asociación en 2024 e que reborda enerxía e ideas para dinamizar unha parroquia con algo máis de 230 habitantes.
Dentro do seu empeño por inculcar ás novas xeracións a importancia do rural e dos oficios, edicións anteriores das Candeas tiveron como protagonistas ao pan, o queixo ou as árbores autóctonas, por exemplo.








