
Coidar ás que coidan. É a base do manifesto de ‘Mulleres que Contan’, o documental de Hadriana Casla que vén de presentarse no festival Castelo Conta e que achegou a mulleres rurais de toda Galicia ao audiovisual a través de encontros e conversas sobre a temática dos coidados, o traballo que sostén a vida. “O cine e a fotografía foron a excusa para reunirse e conversar”, explica a directora.
Esta peza é a continuación de ‘Mulleres de Castelo’ –presentado neste festival hai dous anos–, di Casla, e busca “motivar os espazos de encontro entre mulleres usando como ferramenta o audiovisual”. O documental estreado en 2024 puxo no centro historias e a experiencia das mulleres da parroquia cullerdense que cada agosto “dalle a volta á festa” e aquel proxecto foi o xerme da peza estreada agora, que volta a falar de memoria, de comunidade e do acto máis puro e nobre que existe: o de coidar.
“Tivemos varias etapas, foi un traballo de meses: o verán pasado comezamos uns obradoiros nos que as mulleres falaban dos coidados e se achegaban á fotografía. Empezaron a gravar cos seus móbiles e a xerar material, continuaron durante o inverno e en primavera deseñamos unhas mesas de debate en cada unha das súas aldeas –ubicadas en Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa– nas que presentaron un Manifesto dos Coidados”, comenta Casla, que destaca que con cada nova actividade “íase xerando máis confianza e tenrura entre elas”, o que se nota no documental.
A película mostra o desenvolvemento desta iniciativa de cooperación e constrúe un relato colectivo sobre os coidados e as desigualdades que todavía persisten, coas diferenzas entre homes e mulleres na asunción de responsabilidades domésticas e familiares. “A necesidade de avanzar cara a un sistema de coidados público, universal e de calidade. O primeiro punto deste Manifesto dos Coidados é ‘coidar ao coidador’, porque máis alá de homenaxear a estas mulleres hai que pensar que isto non pode funcionar como ata agora, son precisos cambios a nivel administrativo e tamén dentro das familias, así como máis programas para a súa saúde mental e física”, comenta a directora do documental.
Rede
‘Mulleres que Contan’ ten banda sonora de Benxamín Otero, sinala Casla, e é moito máis que unha película, “porque deu lugar a unha rede de apoio entre mulleres de diferentes lugares do rural galego”. Por iso, a creadora querería que o proxecto seguise medrando e se estendese a outros grupos de mulleres. Valora a importancia de aportar ás veciñas “espazos onde atoparse” á marxe das súas obrigas familiares e de educar na igualdade para acabar cos estereotipos.
Para Hadriana Casla, o Castelo Conta é “unha xoia que hai que conservar”: “Hai que alimentalo e coidalo para que se replique e saian máis Castelos Conta, onde a festa é moi importante pero máis o seu carácter comunitario e como está toda a aldea volcada”, conclúe.















