
O BNG da comarca coruñesa organizou unha xornada aberta sobre a creación da Área Metropolitana da Coruña, unha reivindicación histórica da organización nacionalista, que leva anos a demandar "altura de miras" aos concellos "co obxectivo de traballar conxuntamente para unha xestión máis racional dos servizos, fóra de localismos e de intereses particulares ou partidarios", explicaron os seus responsables comarcais.
Na xornada interviron Ana Rúa, asesora xurídica do Grupo Parlamentario do BNG no Parlamento Galego, que falou da estrutura xurídica e dos pasos legais precisos para a creación deste tipo de entes supramunicipais, e Abel López Soto, exalcalde de Sada, que tratou a dimensión política e os límites das estruturas actuais.
López Soto tamén fixo historia sobre os vínculos entre as diferentes localidades, e destacou a importancia de que exista "altura de miras e xenerosidade" por parte dos responsábeis municipais para poder avanzar nunha xestión máis racional dos servizos fundamentais en beneficio da cidadanía.
Ambos os dous fixeron referencia aos servizos básicos, como a auga, o lixo ou o transporte, para os que a xestión conxunta é imprescindíbel, mais tamén é preciso pensar nunha dimensión supramunicipal para asuntos tan urxentes e importantes para a vida diaria como o urbanismo, a vivenda ou as vías de comunicación, que esixen unha planificación cunha lóxica pensada desde as necesidades das persoas de diferentes concellos, e a longo prazo.
Amanda Casais e Javier Allo explicaron o día a día da mobilidade desde a súa realidade, a de dúas persoas que viven nun concello da comarca e traballan e estudan noutro, "con todas as dificultades e limitacións que isto implica na actualidade", sinalou o BNG.
Rubén Lois e María Xosé Piñeira, profesores de Xeografía Rexional da Universidade de Santiago de Compostela, presentados por Lois Pérez Castrillo, exalcalde de Vigo e responsábel nacional da Área Municipal do BNG, describiron outras experiencias semellantes (as das áreas de Bilbao e de Barcelona) e destacaron algunhas das limitacións máis importantes para a consolidación das áreas metropolitanas, como a definición orzamentaria ou as competencias. Tanto Lois como Piñeira e o propio Pérez Castrillo destacaron a importancia destas propostas para unha mellor organización do territorio e a prestación dos servizos á cidadanía.
Na xornada, déronse exemplos como o feito de que o servizo de auga é máis custoso para os veciños e veciñas que viven nos concellos de fóra da cidade, ou sobre o paradoxo de que o unha parte importante dos equipamentos da área están fóra da cidade, e falouse tamén dos fluxos de poboación e dos cambios que se foron producindo nos últimos anos, que deben ir acompañados tamén de mudanzas administrativas.
Esta xornada de debate é o primeiro chanzo dunha serie de accións que ten previsto pór en marcha o BNG da comarca da Coruña.
Por unha banda, para fomentar o debate institucional nos diferentes concellos e no Parlamento Galego, onde a deputada Iria Taibo xa rexistrou varias iniciativas para demandar que a Xunta asuma a súa competencia e promova a creación da Área Metropolitana da Coruña, mais tamén para abrir este debate á sociedade, desde o punto de vista da racionalización dos servizos e de adaptar a realidade institucional á social, "xa que unha parte moi importante da cidadanía da nosa comarca se move con normalidade entre os varios concellos, ademais de que os servizos en cuestión non teñen, nin poden ter, unha dimensión individual concello por concello".
A formación nacionalista tamén quere contribuír á reflexión sobre a importancia de que os representantes institucionais dos distintos concellos da área sexan xenerosos e obxectivos neste asunto, "pensando sempre no ben da veciñanza, e non nos intereses particulares de cada concello ou mesmo dos diferentes partidos políticos"; ofrecendo "unha alternativa para a xestión do territorio que parte dunha visión de país e de xustiza social".














