Tone Martínez | “Hai nenos e nenas que non viron un gran de millo en toda a súa vida”
El actor e cofundador de Galeatro levará este venres xunto con Alba Bermúdez aos muíños do río Medio, en Miño, o seu espectáculo ‘Muiñada’

Galeatro representará este venres (11.00 horas) en Miño o espectáculo ‘Muiñada’, que pon en valor o traballo nos antigos muíños. Tone Martínez é actor e cofundador da compañía con Alba Bermúdez.
Levaron este espectáculo a Vilasantar o domingo e este venres a Miño. Cal é a proposta que fai?
O proxecto ‘Os muíños no Camiño’ xorde grazas ao apoio de ‘O teu Xacobeo’, da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, e busca poñer en valor de dúas maneiras estes muíños e as súas rutas: unha con pílulas audiovisuais, que fai Carlota Mosquera e subimos ás redes; e co espectáculo teatral ‘Muiñada’, que levamos un tempo representando e que fala do que acontecía nos muíños, na experiencia de xente que estivo aí. Adaptámolo á época actual para que as familias saiban como era a vida nos muíños. Pra nós sempre foron edificios moi misteriosos, no medio do bosque, teñen unha aura do máis interesante.
Haberá familias e nenos que nunca estiveran nun muíño.
Danos entre pena e sorpresa. Xa non é que non coñezan o que pasaba dentro dun muíño, é que hai nenos e nenas que non viron un gran ou unha ‘mazorca’ de millo na vida. Durante o espectáculo utilizamos o cereal, a fariña, a peneira, unha reconstrucción dun muíño moi currada, e danos moita mágoa a desconexión que hai en xeral co mundo rural. O texto está escrito por Ana Carreira e unha das frases di que ‘a xente pensa que o pan medra nos estantes das tendas’.
Poñer en valor o rural galego é unha das ‘marcas’ de Galeatro?
O que nos interesa é poñer en valor aspectos da tradición oral e patrimonial galega. Un dos proxectos é este, e outro similar é ‘Reino de Galicia á escena’, que pon en valor patrimonio material e inmaterial da época medieval. Traer esos detalles á actualidade é importante para nós, pero si, pode que tamén a revalorización do rural vaia implícita no noso traballo.
Cando comezou Galeatro?
Hai once anos. Sempre fomos Alba e mais eu e arredor temos un plantel de traballadores. Temos tres eixos: producción escénica para público familiar, aínda que estamos abrindo unha etapa de público adulto; as aulas, que damos clases de teatro en moitos concellos, e a mediación cultural.
Vivir do teatro supón ter que diversificar o traballo, é complicado subsistir actualmente?
Nós non podemos queixarnos. Temos moito traballo, vainos relativamente ben dentro das circunstancias de estar metido no sector da arte.
Haberá algunha novidade no espectáculo en Miño?
Ao final haberá unha ruta interpretativa polos muíños do río Medio. Nos perfís do Concello de Miño ou en Instagram (@minoturismo) poden inscribirse para facer a ruta.
















