A Xunta destaca a Reserva como unha "fórmula única" coa que "o territorio e Galicia gañan"

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo en valor a cooperación dos 17 concellos que integran a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo no marco da estratexia conxunta 'Proxecta paisaxe nas Mariñas Coruñesas', que se presentou na sede desta Reserva de Biosfera coruñesa.
Segundo dixo Marisol Díaz, coa unión destes 17 concellos coruñeses “o territorio e Galicia gañan,” e boa mostra disto son os 21 proxectos xa identificados na Bolsa de Proxectos da Reserva constituída no ano 2023, e que na fase actual se pretende actualizar coa definición dun proxecto por cada concello.
Nesta liña, na xornada que tivo lugar este xoves abordáronse diversos aspectos para cumprimentar e seguir avanzando nesta estratexia conxunta, ademais de charlas divulgativas de formación en materia medioambiental e de biodiversidade.
En concreto, tratáronse cuestións relacionadas coa posta en valor da visión técnica sobre biodiversidade, servizos ecosistémicos e oportunidades para impulsar actuacións ambientais de maior valor territorial. A maiores, presentáronse as experiencias da estratexia conxunta e da Bolsa de Proxectos e tamén se recolleron as propostas municipais para configurar un primeiro mapa de oportunidades ambientais e paisaxísticas da Reserva de Biosfera.













