
O Concello de Cambre vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da pista deportiva situada na rúa Otero Pedrayo, no Temple, unha actuación coa que o Goberno local continúa avanzando na recuperación das instalacións deportivas municipais.
O contrato foi adxudicado á empresa Covisam Norte S.L. por un importe de 55.635,80 euros, IVE incluído, e permitirá actuar nun espazo que presentaba importantes deficiencias derivadas do paso do tempo, do uso continuado e da falta de mantemento.
A adxudicación prodúcese tras completar todos os trámites establecidos no procedemento de contratación pública. Durante a tramitación, foi necesario continuar o proceso coa seguinte empresa clasificada ao non poder formalizarse a primeira proposta de adxudicación, unha circunstancia que supuxo a ampliación dos prazos inicialmente previstos pero que permitiu seguir avanzando no expediente con todas as garantías legais.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, explicou que “somos conscientes de que á veciñanza lle gustaría que esta actuación estivese xa iniciada, e ese era tamén o noso obxectivo, pero os procedementos administrativos teñen uns pasos e unhas garantías que debemos cumprir" e, en este caso, resultou necesario acudir á seguinte empresa clasificada, "o que alongou os tempos, pero seguimos traballando para que a mellora da pista sexa unha realidade canto antes”, indica a rexedora de Cambre.
A intervención contempla a substitución do peche perimetral da pista, actuando sobre preto de 130 metros lineais, a instalación dun novo cerramento deportivo con paneis ríxidos reforzados e unha rede cortabalóns superior, ata acadar unha altura total de cinco metros.
Os traballos incluirán tamén a retirada das portas actuais e a colocación dunha nova porta dobre de acceso para vehículos e dunha porta peonil, así como a renovación dos elementos de fixación e seguridade.
Segundo recolle a memoria técnica, a instalación presenta roturas e descolgues na malla superior de contención, corrosión nos paneis e portas metálicas, deformacións, deterioro da parafusaría, oxidación nos ancoraxes e fisuras no muro de apoio. Por este motivo, a actuación non se limita a unha reparación puntual, senón que aposta por unha solución máis duradeira e segura.
O proxecto inclúe tamén a reparación do muro perimetral, coa mellora das zonas deterioradas e a execución dunha nova viga de coroación para reforzar a estrutura e garantir a estabilidade do novo cerramento. Ademais, procederase ao reposicionamento do cadro de alumeado nunha zona máis protexida.
A alcaldesa destacou que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local coa mellora das instalacións municipais. “Hai instalacións que precisaban actuacións desde hai tempo. Estamos traballando para recuperar estes espazos, mellorar o seu mantemento e ofrecer á veciñanza instalacións máis seguras e en mellores condicións”, sinalou Piñeiro.
O prazo previsto de execución dos traballos é de seis semanas. Coa súa realización, o Concello de Cambre busca eliminar as deficiencias actuais, mellorar a seguridade dos usuarios e prolongar a vida útil dunha pista deportiva de uso libre situada nunha das zonas con maior actividade do Temple.












