As novas axudas da Deputación da Coruña para as ANPA apoiarán con case 250.000 euros a 84 entidades
Preto de 65.000 euros corresponden a asociacións da área coruñesa

A Deputación da Coruña destinará 246.537,29 euros a apoiar a actividade de 84 asociacións de nais e pais de centros educativos públicos da provincia. Do total, 64.238 euros serán para agrupacións con sede en colexios e institutos das comarcas da Coruña e Betanzos.
A institución vén de resolver a concesión das axudas correspondentes ao novo programa co que financia proxectos e actividades de carácter educativo, formativo, cultural, de lecer e de conciliación da vida familiar e laboral que desenvolven esas entidades.
A convocatoria ten como obxectivo apoiar o labor que desenvolven as ANPAS como axentes fundamentais da comunidade educativa, fomentando accións complementarias á educación regrada e promovendo a participación das familias na vida escolar.
Así, financiará iniciativas como actividades extraescolares, saídas didácticas, reforzos educativos, encontros formativos e actuacións orientadas á inclusión, a igualdade de oportunidades, o uso da lingua galega e o respecto polo medio ambiente, que se deben desenvolver ao longo deste ano.
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, cun financiamento que oscila entre o 20 e o 80% do orzamento subvencionable.
Tal como recolle a resolución publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia, as entidades solicitantes percibirán cantidades que oscilan entre os 1.500 euros e os 6.700. Algunhas ANPA beneficiadas son as do CEIP Vales Villamarín (Betanzos), IES Zalaeta (A Coruña), CPI Vicente Otero Valcárcel (Carral), CEIP Isaac Díaz Pardo (Culleredo), CPI Castro Baxoi (Miño), CEIP Teixeiro (Curtis), CEIP Víctor López Seoane (A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), CEIP Tarrío (Culleredo), CEIP Sofía Casanova (Culleredo), CEIP María Pita (A Coruña), CRA de Culleredo, CEIP María Barbeito (A Coruña), CEIP Vila de Rutis (Culleredo), CEIP O Mosteirón (Sada) o CRA de Bergondo, entre outras.
A deputada de Educación, Yoya Neira, insistiu hoxe no compromiso da Deputación cunha educación pública de calidade e coa comunidade escolar “máis alá das aulas”. Nese senso, destacou o “papel fundamental” que teñen as asociacións de nais e pais “non só á hora de facilitar a conciliación, senón tamén pola súa contribución ao propio ensino”.
Salientou tamén o éxito da convocatoria, que practicamente esgotou o orzamento previsto nas bases, e valorou que estas inciden especialmente no apoio a “valores fundamentais”, como son a igualdade, a inclusión e a participación.
O anuncio da resolución provisional das subvencións pode consultarse no número de hoxe do Boletín Oficial da Provincia da Coruña (https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/31/2026_0000001913.pdf)







