‘Correr e cantar’ na praza de Azcárraga

A área de Igualdade da Deputación da Coruña dá continuidade á campaña “Liberdade de ser e sentir” que tradicionalmente celebra no mes de xuño con motivo do Día das Diversidades Sexuais, cunha xornada sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional e o rural galegos


Terá lugar o sábado 17 de xuño baixo o epígrafe ‘Correr e Cantar’, e forma parte dun proxecto máis amplo titulado “Rural e tradición, un fogar en igualdade”, que está comisariado por Sergio Marey e que busca amosar a realidade do colectivo LGBTIQA+ nas nas aldeas e na cultura do país. A xornada comprenderá relatorios, mesas redondas, concertos, contadas e rematará cunha foliada.


Abriráse cunha presentación e mostra de resultados dunha recollida feita polo propio comisario, Sergio Marey, xunto a Atenea García, na zona de Bergatiños para coñecer a realidade do colectivo nesta zona da provincia coruñesa. Alí escoitaron, falaron, recorreron vilas e aldeas, e investigaron para tratar de recoller toda a información posible de persoas disidentes de antes e de agora. Así, no inicio da xornada amosarán esta recollida e as reflexións ás que chegaron.


O día continuará cunha mesa redonda, Creación contemporánea dende a tradición, moderada por Mercedes Peón e que contará con artistas como Berto, Meiga-i, Eva Outeiro de Toma a Terra, Gabi Reboredo, O Rabelo e Olalla Liñares de Oîma. A tarde comezará do mesmo xeito, cunha mesa redonda, A muiñeira, unha bandeira LGBTIQA+, moderada por Diego Salgueiro (integrante do Orgullo Crítico de Nigrán, bailador e tocador) que contará con diferentes persoas do colectivo vinculadas á música tradicional e o rural que falarán da súa experiencia e realidade como persoas LGBTIQA+ nestes ámbitos. A continuación, terá lugar unha contada para adultos de Atenea García, titulada Vicio houbo sempre, á que seguirá Noemi Basanta, integrante das Adufeiras de Salitre e Doutora en Filoloxía Galega, falando das ideoloxías e posicionamentos de xénero no baile e a música tradicionais galegas. O broche final desta xornada será a actuación das Tocadoras da A.C. Raigañas de Cerqueda, que cantarán coplas de temática LGBTIQA+ dun libro que sairá máis adiante deste proxecto, e serán as encargadas de abrir a foliada que concluirá o día e celebrará a tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.


Rural e tradición, un fogar en igualdade

Onde están as persoas disidentes no rural? Que teñen as foliadas que fan que persoas LGBTIQA+ se sintan libres? Se normalmente as pandereteiras eran mulleres e moitas da coplas galegas son de amor a mulleres, ningunha era lesbiana? Rural e tradición, un fogar en igualdade é un proxecto que busca visibilizar as persoas LGBTIQA+ na música tradicional e rural galegos. O proxecto busca unha relectura, histórica e social, desde unha nova perspectiva e derrubar o constructo cisheteropatriarcal.


Este proxecto conformase entorno a varios eixos. Por un lado a xornada ‘Correr e cantar’, e por outro, un libro que recolle todo o traballo de investigación realizado por Sergio Marey e Atenea García, así como diferentes experiencias de persoas de toda a Galiza con vínculos co rural e a tradición musical. O libro, ademais, funcionará como un cancioneiro popular LGBTIQA+ posto que todas esas persoas escribiron coplas con esta temática para que se canten en foliadas por todo o país. O último dos eixos será unha exposición itinerante que irá viaxando polos concellos da provincia.

Fecha inicio: sábado, 17 de junio de 2023 11:30
Lugar: Praza de Azcárraga
Dirección: Praza de Azcárraga, Plaza General Azcárraga, A Coruña, España
Volver a la Agenda

Próximos eventos