Presentación de "Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004)" de Luísa Villalta

O xoves 4 de maio, celebrarase, ás 19 horas, na libraría Berbiriana da Coruña, a presentación de "Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004)", de Luísa Villalta, en edición de Armando Requeixo.

Acompañando o editor, estarán Susana Villalta, irmá de Luísa Villalta, Diana Varela Puñal, poeta, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

“Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004)” recupera os catro títulos que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: “Música reservada” (1991), “Ruído” (1995), “Rota ao interior do ollo” (1995) e “En concreto” (2004). Estes versos converteron a autora nunha das voces máis importantes da poesía galega do noso tempo e consagránona como unha creadora singular e inimitable.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), alén de extraordinaria poeta, foi tamén unha destacada narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista. Na súa obra teatral salientan “Concerto para un home só” (1989), “O representante” (1990), “O paseo das esfinxes” (1991) e “As certezas de Ofelia” (1999). Como narradora publicou “Siléncio, ensaiamos” (1991), “Teoría de xogos” (1997) e “As chaves do tempo” (2001). Na súa faceta de ensaísta deu á luz “O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral” (1992) e “Libro das colunas” (2005), así como “O outro lado da música, a poesía” (1999), reeditado por Editorial Galaxia en 2020.

Fecha inicio: jueves, 4 de mayo de 2023 19:00
Fecha fin: jueves, 4 de mayo de 2023 21:00
Lugar: Librería Berbiriana
Dirección: Berbiriana, Calle Santiago, A Coruña, España
Volver a la Agenda

Próximos eventos