Conferencia | "O ollo debe viaxar", de Iria-Friné Rivera Vázquez

O mércores, 17 de setembro, ás 19.30 h, Iria-Friné Rivera Vázquez ofrece unha palestra baixo o título O ollo debe viaxar. O espirito creativo da pintura dende o Fin de Siècle ós ruxintes anos 20. Esta palestra fai parte do ciclo Visionarte: Arte contemporánea galega baixo ollos de Muller.
Jahrhundertwende, Turn of Century ou Fin de Siècle marcan as dúas décadas –1880 e 1890– na que os paradigmas culturais mudan o seu espírito. O predominio do cinismo, aburrimento e pesimismo derivados dunha organización social e política tan ostentosa e falsa como inútil e ignorante nas fondas transformacións que estaban a sucederse, tivo a sua resposta nas artes. Foron estes os anos nos que, mais alá da pintura pompier de Salón e Academia, emerxeu unha plétora de estilos pictóricos remotos das convencións, da vida pública e das normas aceptadas. O Movemento de Artes e Oficios comezaba a consolidarse e, xunto con el, o Movemento Esteta.
A Idade de Plata trouxo consigo dende 1900 ata a Gran Guerra en 1914 un tempo de creatividade explosiva. Conviviron a intensidade do Fauvismo, a concepción da imaxe pública artística de estetas como Luisa Casati, a liberdade, sensualidade e instinto moderno dos Ballets Rusos, a cartelería tradicional e imaxinativa de Alphons Mucha, as inspiradoras e encantadoras pinturas de interiores de Carl Larsson, a presenza enérxica e xuvenil do Futurismo, a linguaxe visual dinámica de sombras e luz do Expresionismo Alemán e a visión transformadora do Cubismo da realidade a partir da Realidade inherente na personalidade de cada circunstancia, persoa ou obxecto. A modo de conclusión todas estas ramas deron lugar, tras o final da guerra en 1918 e o Armisticio en 1919, a decisiva Bauhaus na República de Weimar. Proba da relevancia dos trazos seguidos por todos estes movementos foi que, na súa confluencia e madurez, deron lugar ao refinado estilo identificador dos Roaring Twenties con eco ata hoxe: o Art Déco.
Iria-Friné Rivera Vázquez é historiadora da Arte, e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Historia da Arte, con especialización en Arte da Edade Moderna. Forma parte dos padroados da Fundación Luís Seoane (A Coruña) e a Fundación Vicente Risco (Allariz).