Este xoves, día 5 de xuño, ás 19.30 h, e dentro do ciclo Outras historias do cinema, Martin Pawley falará das directoras dos cinemas do leste.
Na Unión Soviética e nos países na súa órbita houbo un bo número de mulleres que nas décadas dos 50, 60 e 70 desenvolveron moi valiosas carreiras cinematográficas, mesmo a pesar da censura e os impedimentos institucionais para facer películas. É o caso de Binka Jeliaskova, a primeira directora búlgara, cuxa obra foi obxecto de prohibición gobernamental; de Larisa Shepitko, gañadora do Oso de Ouro en Berlín e prematuramente desaparecida por causa dun accidente de coche; ou da xeorxiana Lana Gogoberidze, figura central dunha singular estirpe de directoras que comeza coa súa nai Nutsa e prosegue coa súa filla Salomé Alexi.