Presentación do poemario ‘Guardabosque’, do escritor gaditano Ricardo de Castro

Este xoves, 20 de marzo, o CEIDA organiza a presentación do poemario ‘Guardabosque’, do escritor gaditano Ricardo de Castro, para conmemorar o Día Mundial da Poesía e o Día Mundial dos Bosques. O acto terá lugar na biblioteca verde da entidade, nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros), ás 20 horas, e contará coa participación da escritora experta en poesía xaponesa e vinculada á literatura de natureza Francisca García Jáñez. O remate da presentación haberá un pequeno recital de poesía acompañado da música (zanfona) do compositor Óscar Fernández. En Guardabosque coexisten versos cunha forte carga social, sobre o respecto á natureza, a súa forza e simbolismo, ou a solidariedade humana, con textos de carácter máis intimista e emocional hacia un mesmo e os outros. Tamén se mostran camiños invisibles que nos levan desde a nosa casa hacia outras culturas, paisaxes e contornas. Poemas que saben a sal e savia nova. Palabras entre montañas, árbores, marismas, ríos, aves migratorias... que se moven coa cadencia das mareas. Xeografías da intimidade e psicoloxías do mar e os bosques.