Os días 13 e 14 de novembro, en horario de 9.30 ás 18.30 horas, terá lugar no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) o III Encontro Internacional de Investigación organizado polo grupo de investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña. Baixo o nexo común de “Estratexias para mitigar as ameazas e riscos provocados polo clima e os conflitos”, darase cita persoal investigador de España, Brasil, México, Estados Unidos, Gran Bretaña e Palestina.
Desde unha perspectiva multidisciplinar, este evento abordará temáticas variadas e de gran relevancia e actualidade. O día 13 trataranse aspectos relacionados cos impactos do cambio climático na saúde e a necesidade de adoptar estilos de vida máis sostibles, as relacións entre o urbanismo e a arquitectura co clima, a transición enerxética e a sustentabilidade.
O día 14 terán lugar diversas conferencias e exposicións relacionadas cos conflitos bélicos máis actuais, así como coa xestión de emerxencias e a resposta no que respecta á habitabilidade nestes casos. Contarase con dúas expertas sobre o conflito de Gaza, que mostrarán a realidade actual e a necesidade de crear unha proposta de proxecto para contribuír á planificación do territorio e vivenda de realoxamento para a poboación desprazada polo conflito.
Esta edición chega nun momento no que, por desgraza, as circunstancias do desastre da DANA en Valencia trouxeron á actualidade cidadá española a importancia do coñecemento científico. A investigación é necesaria tanto para previr como para mitigar os riscos que xeran o clima e os conflitos.
A asistencia ao encontro é libre e gratuíta ata completar o aforo, con inscrición previa a través do correo electrónico: cristina.garcia.fontan@udc.es.