Charla sobre o matemático do século XIX Xosé Rodríguez

Este mércores, día 16, ás 19.30 horas comeza con Tino Fraga un ciclo de ciencia falando dun científico moi destacado na súa época e moi descoñecido na actualidade, o matemático Rodríguez.
Este ano cúmprense douscentos da morte de Xosé Rodríguez González (1770-1824), o matemático de Bermés (Lalín), varias institucións científicas están a realizar actividades sobre este brillante científico: USC, o Consello da Cultura Galega, a Academia Galega de Ciencia…
Un científico que salienta no contexto galego e español da súa época e que podemos considerar o máis destacado na Galiza na primeira parte do s. XIX e, polo tanto, figura central da nosa historia cultural. Quen, con méritos de abondo, vén ser de elixido científico do ano pola Real Academia de Ciencias de Galicia.
Participou en proxectos de enorme relevancia mais se a excelencia dun científico mídese polo seu labor individual tamén pola xeración de equipos e escola e a acción institucional. Rodríguez foi mestre e guía dunha notable xeración de científicos galegos, entre os que figuran Domingo Fontán, Ramón de la Sagra…
Cómpre tamén salientar o perfil político de Rodríguez, coa atención á xestión e creación de institucións públicas que fomentaran unha ciencia actualizada.
Tino Fraga, historiador e divulgador científico, foi director dos Museos Científicos Coruñeses, director do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e promoveu e dirixiu o Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.