O Festival Internacional de Títeres Galicreques comeza este sábado 12 de outubro a súa 29ª edición en Santiago e, en paralelo, celebrarase a súa extensión na Sala Gurugú da Coruña (Rúa Agra do Orzán, 3) por 12º ano consecutivo. As persoas interesadas en asistir poden reservar as súas entradas a través do correo salagurugu@gmail.com ou mediante WhatsApp no teléfono 616 70 10 99.
O seu programa abrirá este sábado, 12 de outubro, ás 18.00 horas coa obra Títeres a cielo abierto, do artista arxentino Manu Mansilla. Trátase dunha obra na que se nos presenta a Beningno Escalante, un monstro do centro da terra que aparentemente é terrorífico ser. Pero a realidade é outra: Benigno é unha sociable e tenra criatura alaranxada. A duración estimada é de 50 minutos.
O domingo, ás 12.30 horas, chegaralle a quenda á formación ecuatoriana La Espada de Madera e a súa obra El Tío Carachos. Esta peza é unha proposta na que se integran o teatro de actor co teatro de monicreques. O encanto, a maxia e a tenrura son as constantes ao longo da obra. E as ferramentas para cativar o público.
O venres 18, ás 18.00 horas, La Pepa del Mamoncillo (Colombia) representará Napoleón y Josefina. A obra preséntanos a dous monicreques que compiten en escena por amosar quen dos dous é mellor. Comeza entón un xogo onde títeres e titiriteiros se preguntan quen é realmente os que nos manipulan.
O sábado 19, ás 18.00 horas, Títeres Larderos de Castilla La Mancha presentará a obra Pelos, Misión Auga e o domingo, ás 12.30 horas, encargarase de lle poñer o ramo a extensión coruñesa de Galicreques a compañía Salvadoreña Ocelot Teatro. A súa obra Martín Cabeza Hacha é unha reflexión ecolóxica sobre a conservación dos bosques.