Concerto “Sonatas de Beethoven I”

O vindeiro martes 19 de marzo terá lugar ás 20 horas na Real Academia Galega de Belas Artes o primeiro concerto do Ciclo “Sonatas de Beethoven” no que Julio Mourenza, piano e Stefan Marinescu, violín, interpretarán as sonatas nº1, op. 12/1 en Re Maior; nº2, op. 12/2 en La Maior; nº3, op. 12/3 en Mi bemol Maior e nº4, op. 23 en La menor do compositor alemán Ludwig van Beethoven.

O acto está encadrado nos “Martes das Artes” e terá entrada libre ata completar capacidade.

JULIO MOURENZA

A Coruña (1969). Julio Mourenza inicia os seus estudos pianísticos coa profesora Natalia Lamas, no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, séndolle concedida a Matrícula de Honra e o Premio Extraordinario de Fin de Carreira.

Entre os anos 1991 e 1995 amplía a súa formación na Musik Akademie der Stadt Basel, de Basilea (Suiza), onde obtén o Diploma de Concerto (KonzertreifeDiplom), tras estudar cos profesores Laszlo Gyimesi (Piano), Gerard Wyss (Música de Cámara), Albert Guttmann (Acompañamento) e Rolf Möser (Clavicordio e Fortepiano).  Posteriormente, ingresa na Academia Franz Liszt de Budapest, onde realiza estudos de Posgrao co profesor Kornel Zempleni durante o curso 1995-96. Continúa a súa formación pianística como alumno activo nos Cursos del Aula de Música de la Universidad de Alcalá de Henares, cos prestixiosos pianistas Ferenc Rados, Charles Rosen e Paul Badura-Skoda.

Participa nos Cursos de Verán da Escola Superior de Música de Viena, (Hochschule für Musik Wien), como alumno do profesor Rudolph Kehrer. Entre os anos 2002 e 2004 realiza o I Master en Interpretación Pianística organizado pola Universidade de A Coruña, impartido polo profesor Albert Jiménez Attenelle.

Como concertista actuou en prestixiosas salas galegas, como o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, a Fundación Pedro Barrié de la Maza ou a Fundación Caixa Galicia en A Coruña, así como en outras cidades de España, Suiza, Holanda e Hungría. Como solista con orquestra cabe destacar a súa colaboración coa RFG (Real Filharmonía de Galicia), baixo a dirección de Maximino Zumalave, interpretando o Concerto para piano e orquestra en Do maior KV 467 de Mozart. Con dita orquestra e director intervén como pianista na interpretación das Cancións  Xacobeas de Antón García Abril, coa cantante Teresa Berganza, no Auditorio Nacional de Música de Madrid. Realiza outras colaboracións e estreas con membros da OSG (Orquesta Sinfónica de Galicia) baixo a dirección de José Luis Temes, e coa Orquestra de Cámara Galega baixo a dirección de Rogelio Groba Otero.

Tamén actuou como solista coa Banda Municipal de Música da Coruña, interpretando a “Rhapsody in Blue” de G. Gershwin. É membro fundador do grupo de música contemporánea ensemble s21.

Realizou a estrea absoluta e a gravación da sonata para violonchelo e piano “Diálogos”, de Rogelio Groba y Groba, e a estrea da obra pianística de Xosé Arriola (1895-1954), por encargo do Consello da Cultura Galega.

Julio Mourenza é na actualidade catedrático de Piano do Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Ademais, é invitado regularmente a impartir cursos de interpretación pianística: Conservatorio Profesional de Ferrol, Conservatorio de Verona (Italia), Academia Superior de Música da Universidade de Praga (República Checa).

STEFAN MARINESCU

Nacido en Bucarest no seo dunha familia de músicos, comezou a tocar o violín aos 6 anos.

A partir dos 7 anos a súa familia trasladouse a Italia.

Cursou estudos en: Mónaco, Montecarlo con J.C.Abraham na “Academie de musique Prince RanieriIII”; en Estados Unidos con Kurt Sassmanshauss e Piotr Milewsky no College Conservatory of Music” na Universidade de Cincinnati e en Alemaña con Petru Munteanu en Rostock na “Hochschule fur Musik und Theatre”.

Participou en numerosas clases maxistrais con Dorothy Delay, Peter Oudjian, Elisabeth Balmas, Stefan Gheorghiu.

Desde 2005 é membro da Orquestra Sinfónica de Galicia onde compaxina a súa actividade musical como violinista coa de profesor en proxectos educativos como Sonfuturo.

Vive en Oleiros coa súa muller e 2 fillos e é profesor na Escola Municipal de Música de Oleiros onde imparte clases e dirixe a Orquestra.

A actividade de violinista entusiásmao así como o de mestre, pedagogo e tamén máis recentemente o de luthier. 

Fecha inicio: martes, 19 de marzo de 2024 20:00
Lugar: Real Academia Galega das Belas Artes
Volver a la Agenda

Próximos eventos

miércoles 25
jueves 26