Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Agenda

Exposición sobre a memoria do Barrio da Zoca

Imaxe da exposición sobre o Barrio da Zoca
Imaxe da exposición sobre o Barrio da Zoca
Concello da Coruña

Concello da Coruña inaugura no vestíbulo do Centro Ágora, a exposición ‘O Barrio da Zoca. Identidade, raíces e memoria dos Mariñeiros’, unha mostra dedicada a recuperar e poñer en valor a historia social, a identidade e a memoria comunitaria do barrio dos Mariñeiros.

A exposición está promovida polo Concello e foi creada coa colaboración da asociación veciñal O Barrio da Zoca – Os Mariñeiros, das familias e das persoas vinculadas ao barrio.

A mostra parte dun amplo traballo previo de recompilación de fotografías e materiais realizado pola propia veciñanza, que participou tamén na selección dos contidos e na construción do relato expositivo.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que “a historia da Coruña tamén se constrúe desde os seus barrios e desde a memoria das persoas que lles deron vida. Esta exposición permítenos recoñecer e transmitir o legado dunha comunidade estreitamente vinculada ao mar, ao traballo e á solidariedade veciñal”.

O percorrido reconstrúe as orixes dun barrio nacido na década de 1950 para acoller familias vinculadas ao mar. A mostra lembra a construción das 130 vivendas e a inauguración oficial do conxunto en setembro de 1957, ademais de recuperar a vida arredor da praza porticada, a escola, os pequenos comercios e os espazos comúns nos que se teceu unha intensa rede de convivencia e apoio mutuo.

Os paneis, fotografías, documentos e obxectos expostos tamén poñen o foco no papel esencial das mulleres, que traballaban como pescadoras, redeiras ou vendedoras de peixe e sustentaban boa parte da economía familiar e da vida comunitaria. O relato complétase con referencias aos oficios do mar, aos naufraxios que marcaron a memoria colectiva, á infancia nas rúas, ás festas do Carme e á organización veciñal e asociativa.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, sinalou que “esta exposición é un exemplo de como a participación cidadá contribúe a conservar e transmitir a historia dos barrios, facendo protagonistas as persoas que os construíron e que mantiveron viva a súa identidade ao longo das décadas”.

A exposición permanecerá aberta ao público no vestíbulo do Centro Ágora desde o 17 de xullo ata o 9 de agosto.

Fecha Inicioviernes, 17 de julio de 2026 18:00

LugarÁgora

Dirección Av. Gramela, La Coruña, 15010 La Coruña, España

Mapa de ubicación