Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Sociedad

Xoán Allegue: “Sempre entendemos o viño como parte da cultura e da orixe”

O Presidente de Bodegas Martín Códax vén de recibir o Premio Cultura Galega 2025 como recoñecemento ao impulso da música desde Galicia que realiza esta  cooperativa fundada en 1985 no Salnés

Xoán Allegue, nas viñas que Bodegas Martín Códax ten en Barrantes
Xoán Allegue, nas viñas que Bodegas Martín Códax ten en Barrantes
Mónica Ferreirós
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

Xoán Allegue preside a cooperativa Bodegas Martín Códax, nada en 1985 e integrada por 600 familias, que xa é parte da idiosincrasia galega, da que decidiron beber, literalmente, desde o seu nacemento.

 A súa determinación por ser fieis á orixe e a creencia de que se traballa en común para gañar en común levaron a esta empresa, radicada na comarca do Salnés, a apostar por dar visibilidade a proxectos culturais como Os Xoves de Códax, os Premios Martín Códax da Música ou o Outono Códax Festival, cos que conseguiu destinar máis de 300.000 euros a iniciativas sociais. Esta actitude fíxolles merecedores do Premio Cultura Galega 2025 da Xunta.

 Que emoción define a recepción do Premio Cultura Galega 2025?

Satisfacción, por toda a masa social que compón Bodegas Martín Códax porque non o sentimos como un recoñecemento puntual senón como a unha traxectoria, na que sempre tivemos esa vontade de impulso pola nosa cultura. É un premio á coherencia a ao traballo ben feito. 

Son a primeira empresa en recibilo, deixa iso o listón alto?

 Pois si, a verdade. Somos a primeira empresa privada que recibe este recoñecemento que non ten no corazón do seu negocio a cultura, aínda que sempre entendemos o viño como parte da cultura, sen perder a orixe.

 Vendemos en máis de 60 países, somos embaixadores da nosa marca e da nosa cultura. É moi importante para nós proxectar ese orgullo pola nosa cultura.

Hai algún novo proxecto que vos ronde a cabeza?

 Non descartamos ningún proxecto sempre que sexa coherente co noso xeito de interpretar a cultura galega e o mundo do viño que é parte dela. Respectando sempre a nosa esencia.

Por que Martín Códax?

 A elección do nome foi xa unha declaración de principios. Era un xeito de entender o viño e era ousado facer unha bodega de viño branco. 

Os socios fundadores, nese atrevemento, decidiron defender a orixe dunha uva albariña apegada ao territorio e que mellor maneira de contalo que coa nosa cultura. Son segunda xeración, pero teño claro que foi un acerto.

“Entendemos a cultura non como algo accesorio, senón como algo propio”, por que?

 Porque somos galegos, temos a nosa base social aquí, non pensamos en deslocalizarnos. Temos que ensinar o que facemos con naturalidade desde a nosa perspectiva e eso representa unha vantaxe competitiva.

 Con este premio pensamos que tamén se recoñece a responsabilidade e a implicación.

 Hai moitos xeitos de medir unha empresa e nós pensamos que se debe medir pola pegada que ten na sociedade. Devolvemos, en parte, o que a sociedade nos da.

“Hai moito de honestidade e de ousadía na esencia atlántica. Somos francos, somos honestos e un pouco atrevidos”

Que é Galicia para vostedes?

 É a nosa casa. O Salnés é unha comarca moi dinámica que ten unha proxección mariñeira moi forte pero tamén agrícola.

 Eso é o que recolle a nosa empresa, somos persoas que vivimos neste entorno marabilloso, que é este país, Galicia, e intentamos trasladalo aos nosos viños.

Din que a cultura galega é parte do seu ADN, por que decidiron que fose así?

 Porque nacemos con iso, cando eses primeiros socios se xuntaron vían que tiñamos algo diferente, particular, que merecía ser contado e a partir de aí fomos medrando e autodescubríndonos dentro das particularidades de cada socio deste minifundismo galego e descubrindo que a cultura galega era o que nos definía a todos.

Que me diría dos proxectos solidarios que impulsan?

 Está moi de moda falar da RSC e nós levamos moito gañado porque xa nacemos con isto e para isto.

 Buscamos ser rendibles para repartir a riqueza e que un viticultor cobre un prezo digno, que os traballadores da bodega cobren uns salarios dignos. E moita da nosa riqueza é colaborar neses proxectos.

 Somos unha sociedade diversa, con moitísimas cousas nas que merece a pena poñer o foco e esa labor social sempre nos pareceu moi importante.

 Estamos orientados ao benestar das persoas e impulsar proxectos solidarios nos pareceu o máis coherente.

Que valores priman cando deciden apostar por un proxecto solidario?

 A colaboración. Que sexan proxectos colaborativos.

Os proxectos culturais de Martín Códax dan unha proxección a Galicia, que gañan vostedes?

 Recoñecernos e seguir sendo recoñecibles. Non se reduce a unha cifra de retorno. Temos alma e eses proxectos nos axudan a visualizala e a non perder o horizonte. O máis importante é ser fieis a nós mesmos.

Empregan moito as palabras esencia e atlántica, cal é para vostedes a esencia atlántica?

 Hai moito de honestidade e de ousadía na esencia atlántica. Somos francos, somos honestos e un pouco atrevidos.

Que se sente na vendima?

 Como viticultor é o momento do ano que máis me gusta, a recollida da colleita. Gózoa todos os anos, é un momento espectacular, de moita felicidade.

 Hai catro palabras coas que se recoñecen. Dígame, con outra, que lle evoca cada unha: viño, idioma, memoria e creación.

 Cultura, Galicia, viva e atrevemento. É o que somos, hai veces que as cousas non son diferentes do que parecen.

 Detrás dunha botella de Martín Códax hai verdade. Somos viticultores e somos capaces de expresalo no viño e que a xente nos entenda, iso é unha fortuna. 

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620