O Gaiás exhibe por primeira vez pezas do British Museum
A mostra ‘Voces do Pacífico’ trae a Galicia aspectos diferentes dunha cultura pouco coñecida en Europa

O conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, inaugurou este xoves no Museo Centro Gaiás ‘Voces do Pacífico. Innovación e tradición’, unha exposición que trae por primeira vez a Galicia máis de 200 pezas da colección do British Museum, unha das máis salientables do mundo de arte e cultura da Oceanía.
López Campos referiuse á exposición como unha “homenaxe á riqueza, á diversidade e á creatividade dos habitantes do Pacífico”, invitando a todo o público galego a mergullarse nesta “valiosa selección de obxectos históricos e obras de arte”.
A mostra —que se pode visitar ata o 29 de novembro— explora as tradicións artísticas do maior océano do planeta, con máis de 1.800 culturas e grupos lingüísticos diferentes e illas tan asombrosas como Rapa Nui, Papúa Nova Guinea, Hawai ou Nova Zelandia.
Tradicións ancestrais
Máscaras rituais, esculturas que conectan a vida coa morte, armas cerimoniais, maquetas de embarcacións concibidas para cruzar un océano infinito... ‘Voces do Pacífico’ exhibe obxectos con séculos de historia, pero tamén obras realizadas nas últimas décadas por artistas oceánicos que reinterpretan e manteñen vivas as tradicións ancestrais.
A exposición mostra así a mirada cosmopolita, dinámica e innovadora que conecta aos habitantes destas illas desde o pasado ata a actualidade.
O conselleiro lembrou que esta mostra representa o primeiro acordo directo que alcanza a Xunta de Galicia co British Museum, institución coa que colaborou anos atrás en ‘Faraón. Rei de Exipto’ —a exposición máis visitada da Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público—, naquela ocasión como nesta coa mediación e colaboración da Fundación La Caixa.
López Campos puxo en valor a “confianza depositada polo British Museum participando nesta colaboración”, remarcando que acredita “a capacidade de Galicia, e da Cidade da Cultura, para acoller proxectos expositivos de primeiro nivel que nos sitúan no circuíto dos grandes centros museísticos”, asegurou.
O representante da Xunta destacou ‘Voces do Pacífico’ como unha das grandes exposicións internacionais da axenda cultural deste ano que “encarna o selo” do programa cultural ‘Galicia Calidade’ e deixa entrever, na antesala do Xacobeo 2027, “a dimensión da programación que traerá consigo esta próxima cita cultural”.
Na inauguración da exposición interviñeron tamén o director de Coleccións do British Museum, Xerxes Mazda; a comisaria e conservadora da Oceanía, a doutora Julie Adams, así como o artista de orixe maorí Georges Nuku, quen conduciu unha cerimonia tradicional como apertura oficial desta mostra.
No acto estiveron ademais presentes a responsable de Alianzas e Exposicións Itinerantes Internacionais no British Museum, Amanda Mayne; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo; e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
Vidas cosmopolitas
Expertos en viaxes de longa distancia, os habitantes do Pacífico levaron vidas cosmopolitas moito antes de que os europeos chegasen á rexión.
Son considerados ademais uns artistas excepcionais que crean fermosos obxectos para a súa vida cotiá con elementos naturais. Cada obxecto está traballado con decoracións impregnadas dun significado espiritual e profundo.
‘Voces do Pacífico’ estrutúrase en sete ámbitos temáticos que se achegan a diferentes aspectos da arte e as tradicións da Oceanía e que inclúen o tecido, a danza, ou a talla, pero tamén poñen o foco nas tecnoloxías de navegación, ou na innovación e a resiliencia que caracterizaron a estas comunidades durante milenios.
O discurso establece unha conexión directa con retos globais actuais como o cambio climático, que ameaza de forma crítica a supervivencia de moitas illas da Oceanía debido á subida do nivel do mar.
Institución de referencia
A Cidade da Cultura recibe así o legado dunha institución cultural de referencia mundial desde a súa fundación no século XVIII, tanto pola súa antigüidade e o seu prestixio como pola súa colección de máis de oito millóns de obxectos.
Foi o primeiro museo nacional en abarcar todos os campos do coñecemento e segue encarnando os valores da ilustración no que se refire a debate, investigación científica, progreso e tolerancia.
O British Museum comparte a súa colección e experiencia en comisariado, cun público global a través dun programa de exposicións itinerantes internacionais.
Estas contan coa especialización de expertos que dan soporte á mostra en cada etapa do seu desenvolvemento.












