A Xunta acorda co Museo Británico exhibir por primeira vez en Galicia 200 pezas sobre culturas do Pacífico
Santiago será un dos tres destinos en España nos que se poderá visitar a mostra, xunto a Madrid e Barcelona

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, vén de participar en Londres nunha reunión de traballo co British Museum para avanzar na organización da que será unha das grandes exposicións internacionais da axenda cultural deste ano: ‘Voces do Pacífico’.
Ao encontro asistiron a comisaria da mostra e conservadora interina de África, Oceanía e as Américas do British Museum, a doutora Julie Adams; a responsable de Alianzas e Exposicións Itinerantes Internacionais, Amanda Mayne; a responsable de Comunicación Estratéxica, Jane Parsons; e a xestora de exposicións itinerantes internacionais, Laura Snowling.
Tras a xuntanza, a directora xerente da Cidade da Cultura destacou que, grazas a esta colaboración, Santiago de Compostela converterase nun dos tres destinos únicos en España nos que se poderá visitar a exposición, xunto a Madrid e Barcelona.
A mostra permitirá exhibir por vez primeira en Galicia 200 pezas sobre culturas ancestrais do Pacífico, procedentes dunha das coleccións máis relevantes do mundo.
Esta valiosa escolma de obxectos históricos e obras de arte permitirá explorar a riqueza do océano máis grande do mundo, con más de 1.800 culturas e grupos lingüísticos diferentes, con illas tan abraiantes como Rapa Nui, Papúa, Nova Zelanda ou as Illas Marquesas.
‘Voces do Pacífico’ representa o primeiro acordo directo que acada a Xunta co British Museum, institución coa que xa colaborou no pasado en ‘Faraón. Rei de Exipto’ –a mostra máis visitada da Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público–, nese caso coa mediación da Fundación La Caixa.
“A confianza depositada polo British Museum participando nesta colaboración vén acreditar a capacidade de Galicia, e das súas institucións culturais, para acoller proxectos expositivos de primeiro nivel que sitúan a nosa comunidade no circuíto dos grandes museos”, asegurou Vázquez.
A exposición enmárcase na antesala do programa cultural previo ao Xacobeo 2027. Para o vindeiro ano, a Cidade da Cultura traballa nun proxecto expositivo con gran dimensión internacional sobre o Atlántico.
“Queremos xerar un diálogo cultural entre os dous océanos máis grandes do planeta, lembrando a natureza cosmopolita do Xacobeo”, remarcou Vázquez.







