'Antes de nós', 'Sirat' e 'As liñas descontinuas' lideran as candidaturas dos XXIV Premios Mestre Mateo
Trisha Fernández e Federico Pérez presentarán a gala, que se celebrará o 21 de marzo en Lugo

'Os filmes Antes de nós', 'Sirat' e 'As liñas descontinuas' sitúanse á cabeza das candidaturas da vixésimo cuarta edición dos Premios Mestre Mateo, acumulando conxuntamente 40 nomeamentos. As finalistas foron anunciadas esta mañá nun acto celebrado no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo pola actriz Andrea Varela e o presentador Juan Fuentes.
Durante o evento, a Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer tamén que a actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez serán os encargados de conducir a gala de entrega de premios, que terá lugar o sábado 21 de marzo en Lugo, baixo a dirección da realizadora Marta Arévalo.
'Antes de nós', arredor da figura de Castelao, convértese na produción máis votada polas académicas e académicos, cun total de 18 candidaturas, incluída a de Mellor longametraxe, que comparte con As liñas descontinuas, Sirāt e San Simón. O filme sitúa como finalistas a Ángeles Huerta en dirección, Pepe Coira en guión, e a Cris Iglesias e Xoán Fórneas nas categorías protagonistas de interpretación, ademais de numerosos recoñecementos en categorías técnicas e de reparto.
'As liñas descontinuas' suma 11 candidaturas, entre elas as de dirección e guión para Anxos Fazáns, así como interpretacións protagonistas para Mara Sánchez e Adam Prieto. Pola súa banda, 'Sirat' acada tamén 11 nomeamentos, destacando especialmente nas categorías técnicas, ademais das candidaturas a dirección e guión para Oliver Laxe e Santiago Fillol.
Nas categorías interpretativas, compiten en protagonista feminina Alba Flores (Punto Nemo), Lucía Veiga (Mi Ilustrísimo Amigo) e Mara Sánchez (As liñas descontinuas), mentres que en protagonista masculina figuran Adam Prieto, Flako Estévez (San Simón) e Luis Tosar (Golpes).
No eido televisivo, a serie Weiss e Morales destaca como unha das máis recoñecidas, competindo a Mellor serie xunto con Bibopalula, O Home Perfecto e Punto Nemo. Esta última tamén suma varias candidaturas en dirección de arte e maquillaxe e perruquería.
Entre os programas finalistas atópanse Cinephilia, Cos Pés na Terra, Raíña-me! e O videoclub, mentres que en documental compiten 360 Curvas, Ao son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.
Como antesala á gala, o público lucense poderá asistir ás proxeccións gratuítas das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, con presentacións a cargo dos equipos das obras. As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro e marzo ata completar capacidade.
As premiadas e premiados dos XXIV Premios Mestre Mateo daranse a coñecer na gala do 21 de marzo en Lugo.







