Uxía Senlle reivindica a inclusión de Festigual: “A música chega a onde non podes nin imaxinar”
A artista participa hoxe nunha gala na que tamén estarán Guadi Galego, Chungo Pastel e A Banda da Loba

Esta noite (20.30 horas) comeza no teatro Rosalía unha nova edición, a décima, do Festigual, evento pola diversidade que para unha das súas estrelas este ano, a música Uxía Senlle, xa é “unha referencia no relativo á inclusión”. Farao por todo o alto cunha gala inaugural, baixo o título ‘Mulleres pola inclusión’, no que artistas da talla da propia Senlle, Guadi Galego, Chungo Pastel e A Banda da Loba darán comezo a unha extensa programación ao longo do mes de diferentes entidades da cidade que loitan pola inclusión e a diversidade.
É, para Uxía, a súa primeira vez nun festival que, porén, coñece á perfección. “Estou moi ilusionada, estarei rodeada de amigas que quero moito”, explica. O máis importante é o carácter divulgativo do evento: “Paréceme moi necesario: calquera festival ou evento que promova a inclusión é importantísimo”.
Será “unha noite de moitas ilusións e reencontros” na que, entre outras sorpresas e colaboracións inéditas, interpretará cancións do seu proxecto ‘María Fumaça’, no que destaca precisamente a reivindicación da diversidade. “É un proxecto que naceu cando o fixo o meu sobriño e afillado Rui, que ten parálise cerebral. Como madriña, cando era neno pensei en agasallarlle un disco que logo terminou chegando aos corazóns de moitas familias en toda Galicia e incluso fóra”, lembra. “A idea era rodealo a el de alegría, de música, de normalidade, mesmo el nos concertos subía ao escenario. Cando era pequeno aquilo foi un alento, sentirse tan querido e admirado por tantísima xente, por familias que estaban pasando polos mesmos procesos en moitos casos de exclusión”, di.
Por iso cre que hai que fomentar proxectos e festivais que sexan accesibles, nos que a xente se sinta como na casa. “A música é unha ferramenta poderosísima. Nestes anos de Festigual é marabilloso ver como a música e as artes escénicas axudan. A música é especial, chega a onde non podes nin imaxinar. É un territorio seguro, un porto de abrigo”, asegura.
Doutra banda, tamén interpretará cancións dun dos seus proxectos máis recentes, ‘Nove ondas a Begoña Caamaño’, adicado á escritora e xornalista –e amiga súa– a quen se lle concederon este ano as Letras Galegas. Un álbum que xa presentou en boa parte da xeografía galega: “Estou moi feliz con este traballo. Creo que ela estaría moi feliz de saber o que aconteceu nos colexios e institutos, onde se falou moito de feminismo, de igualdade, de xustiza social, de xornalismo...”. “Este disco é un grao de area máis, feito desde o corazón, o coñecemento que eu tiña de Begoña e a amizade. E ten moitas colaboracións, como a de Guadi Galego, que tamén estará na gala”, comenta.
Música, polo tanto, para “dar voz a que non a ten e poñer en valor a humanidade nun momento tan complicado no que parece que se cosifica ás persoas”. “A xente está moi cansa da situación na que vivimos”, lamenta, pero tamén mira o futuro con optimismo, con proxectos como este Festigual que hoxe na Coruña terá como cerne a inclusión.














