A mellor das homenaxes no mellor dos lugares para Manuel Lourenzo, un home de teatro
ButacaZero estrea este venres no teatro Rosalía ‘A velada de Londres’, un texto do dramaturgo baseado en ‘Drácula’

Aínda que a tempada de outono e inverno do teatro Rosalía de Castro xa estaba armada, sempre hai un oco para homenaxear a unha desas persoas como o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, que tantas horas pasou no seu escenario e no seu patio de butacas. A compañía ButacaZero estrea este venres (20.30) ‘A velada de Londres’, un texto do dramaturgo do Valadouro dirixido por Xavier Castiñeira, que no pasado foi o seu axudante.
“Para min, é o meu mestre teatral”, comenta Castiñeira sobre Lourenzo, a quen adica esta primeira representación na Coruña: “Un ano despois do seu pasamento, é como a miña gratitude á persoa que me ensinou todo, que me deu a primeira oportunidade”, explica sobre un texto no que xa traballara no pasado, precisamente como o seu axudante. A homenaxe, ademais, ten lugar nun espazo coma o Rosalía, onde tanto tempo pasou Lourenzo. “Unha estrea sempre ten que ter un valor simbólico, neste caso o Rosalía era un lugar ideal, incluso o propio director, Paulo Rodríguez, foi axudante de Manolo e tamén actor con el, hai que agradecerlle que nos puxera todas as facilidades para abrir a tempada cando xa tiña todo pechado”, comenta Castiñeira.
A obra
A peza está baseada na primeira parte da novela ‘Drácula’, de Bram Stoker. “Manolo estaba obsesionado co primeiro capítulo, fai unha revisión poética dese primeiro capítulo e da figura de Drácula”, comenta sobre unha posta en escea en forma de casa vitoriana “na que Drácula entra e, pouco a pouco, vai cambiando todo, esa rutina tan clásica que teñen as personaxes, ata chegar a vampirizar todo o espazo”.
O elenco, dalgún xeito, tamén é unha homenaxe a Lourenzo. Ademais dunha figura xa habitual como a de Xurxo Cortázar, no papel do conde, as novas xeracións tamén están presentes. “Manolo sempre estaba cerca deles, pola súa faceta pedagóxica. Encantoume escoller a dous novos actores como Sophia Rodal e Teo Piñeiro, que están superformados e son excelentes, que teñan a súa primeira experiencia profesional paréceme seguir o espírito do propio Manolo”, subliña o director de ‘A velada de Londres’.
Traballar ao seu carón
Castiñeira entrou no mundo do teatro de casualidade: “Entrei por unha moza que tiven na Coruña, que facía teatro, un día acompañeina e, ao final, quedei sen moza, ela non seguiu e eu quedei no teatro”, comenta entre risos.
En Casa Hamlet descubriu que o que máis lle gustaba era dirixir e Manuel Lourenzo invitouno a ser o seu axudante, “deume a primeira oportunidade, estou totalmente agradecido”.
“Era unha persoa moi cercana, podías falar horas e horas con el, tiña unha memoria prodixiosa”, lembra, antes de engadir: “Era super puntual, sempre varriamos o escenario antes dos ensaios, traballaba moi limpamente, moi sensorialmente, era como un neno xogando e eu aprendín iso, seguín ese espírito de xogo”.

















