David Perdomo | “A Touriñán xa lle digo que se postule como novo presidente da Xunta de Galicia”
O humorista coruñés participa mañá (22.30 horas) na Noite do Castelo Conta, un dos eventos principais do festival impulsado polo seu amigo e compañeiro

Para o humorista coruñés David Perdomo, o festival Castelo Conta éo todo. Organizado por un amigo cercano como Xosé A. Touriñán, ao que ve potencial como “novo presidente da Xunta de Galicia”, a súa presenza coa cita cultural en Culleredo é un seguro todos os anos. Mañá participa no evento principal, a Noite do Castelo Conta (22.30 horas). E el encantado porque, di, non podería estar máis orgulloso da proposta.
É un habitual do festival. Como viviu a súa evolución?
Son un privilexiado porque puiden velo nacer fai doce anos, e vin o que era e no que se converteu agora, un festival de referencia a nivel nacional ou incluso internacional. É unha maneira de trasladar a cultura rural á xente das cidades, porque moitas persoas acuden a el. Castelo xa non é só un festival, senón uns días de celebración que son case un ‘life style’, como se di agora. Dentro de toda esa cosmogonía, as Noites son un buque insignia no que para min é un orgullo estar. Estiven alí desde a primeira, é unha excusa máis para estar todos os amigos cómicos da zona e de ter un público enorme cerca. É unha noite especial, e moi útil como cómico porque vai xente de todo tipo e podes ver que funciona ou non dos teus monólogos.
Da a sensación de que toda A Coruña estase a convertir, co Emhu, nunha gran capital do humor.
Penso que si, que cos anos A Coruña e Galicia estanse convertindo nun crisol de moitas actividades culturais do estilo. O Resurrection Fest non ten moito que ver, pero tamén é brutal. Galicia nunca deixou de estar de moda, ten unha maneira de reinventarse que se pode ver ben en Castelo, ese tesón e ese afán de botarlle coraxe e ganas. Aos galegos cóstanos fidelizar, pero cando o facemos non hai deus que nos saque de aí. Aí tes o Luar, o Land Róber, o Castelo Conta, a Fraga... (ri).
Nótase moito tamén nas súas carreiras individuais? Touriñán e vostede non paran con ‘Amoriños'.
Si, penso que o que ve moito a xente con nós é que ante todo somos amigos. É alguén que estivo en momentos importantes da miña vida, é familia, e esa complicidade trasládase moito á escena. A el tamén lle digo que se postule como novo presidente da Xunta, porque a xente sinte auténtica devoción por el, que eu entendo perfectamente. No meu caso penso que é distinto, sempre fun máis raro, pero co paso dos anos a xente xa me aceptou. Cos corenta e pico anos que teño miro atrás e penso que foi moi bonito, que somos xente desconfiada, que temos que coñecer, pero cando o facemos somos moi cariñosos. Eu son dos que pensa, con ‘El Nicho’ (o seu podcast sobre perfumes), que vou ir a un garito a actuar e non vai haber nin maría santísima, e está petado. Castelo nese sentido é un bo baremo: para min, o día que nos falte Castelo Conta o mundo vaise ao carallo.
Falando de ‘El Nicho’. Nesta última tempada rompeuna tanto que ata estivo Inés Rey. Quen lles falta? Alfonso Rueda?
Estamos no típico momento de pensar a onde vai. Ao principio era unha cousa feita con amigos, foi algo moi amateur que eu decidín botar adiante pola miña pasión polos perfumes. Agora imos sacar unha marca nosa, o mes que vén saen varias fragancias... Todos os éxitos que imaxinaba xa os tivemos. Que queda? Pois que unha produtora decida que hai negocio, estamos dispostos a escoitar (ri). Nesas estamos, pensando que facer para sorprender.
En que momento está? Ten moitos frontes abertos.
Estou infinitamente agradecido. Dou gracias todos os días do que teño, estes últimos anos foron moi doces, cos teatros cheos, traballo na televisión, proxectos... Dáme a imprensión de que o meu traballo é como ser un instructor de yoga, pero no lugar de facer yoga fago rir. Ese tempo que dedicas aos demais, que lles fas desconectar das súas vidas, paréceme moi bonito. Eu necesito eses frontes abertos para manterme activo, así que se depende de min que siga.















