Xacarandaina emprende a súa primeira viaxe a América: “Xa ían sendo horas”
A agrupación cultural cruza por primeira vez o Atlántico para participar nunha competencia internacional e en dous festivais

Este 27 de agosto, a agrupación cultural Xacarandaina emprende unha viaxe histórica. Por primeira vez na súa extensa historia, a entidade coruñesa cruzará o Atlántico para visitar o Brasil e participar no Campionato Mundial Fidaf e en dous festivais máis durante dúas semanas.
“Xa ían sendo horas”, asegura entre risos o director de Xacarandaina, Quique Peón, que estará á fronte da expedición ao sur do país americano. “Ían sendo horas porque peticións para ir tivemos moitas, pero nunca puidemos afrontar economicamente os gastos para viaxar”, explica Peón, que engade que este ano “aliñáronse as estrelas, que son a Xunta, a Deputación e o Concello”. “Por iso podemos ir. Os compoñentes do grupo pagan unha parte pequena, a asociación outra máis grande e o resto, as institucións”, subliña.
A oportunidade da viaxe, conta, xurdiu hai tres anos, cando a organización do campionato viu a Xacarandaina no Festival Internacional de Zamora.
A competición, explica, “serán cinco pases en cinco días” e participarán países como Macedonia, Bulgaria ou Paraguai, entre outros. “A nosa idea é mostrar Galicia, na súa totalidade é imposible, pero si algunhas pinceladas, para que vexan o folclore do país, tanto do sur como do norte, como da montaña ou da costa, a nivel musical, de vestiario, de bailes e coreografías...”. Así, transitarán desde a ribeirana, “un baile de divertimento, considerado un dos máis antigos de Europa”, até bailes “máis modernos”, do século XIX e principios do XX. Todo isto cos seus “vestiarios correspondentes, porque non é igual o traxe que se gastaba nas Mariñas no século XVIII que o que se gastaba a principios do XX”, comenta Quique Peón.
Ten claro que a competición é “importante e difícil”, porque valorar os folclores en si mesmos é unha tarefa complicada. “Iso non pode competir, o que pode competir é a técnica”, sinala, non sen engadir a continuación: “Pero o importante non é a competición, imos tamén a dous festivais. A competición é un anexo, se gañamos estupendo, pero ao que imos nós é a amosar a nosa cultura alá, a trazar pontes co Brasil, que somos como irmáns, temos a mesma lingua, formamos parte da lusofonía, aínda que eles quizáis nin o saiban, pero hano saber, porque cando comecemos a cantar e entendan todo, vai ser curioso”, comenta Peón, que lembra que Xacarandaina xa gañou no pasado dous certames internacionais, un na Bretaña nos primeiros anos da entidade e outro “hai 15 ou 20 anos” en Hungría.
Simbolismo
O feito de que a primeira viaxe de Xacarandaina a América sexa ao Brasil tamén ten unha carga simbólica por esa irmandade lingüística que nos une con este país.
Peón tamén ten claro que é simbólico: “Está moi óptimo, gústanos moito”. “Ademais, vamos a unha zona, ao sur do Brasil, que son gaúchos, son como pampeiros da Arxentina, pero falan portugués”, comenta entre risos.
“O folclore dalí é moi curioso, ten algunha similitude con nós, vai ser moi curioso para a xente dalá vernos e escoitarnos, moi curiosos. Estamos expectantes por como nos recibirá o público, que non decide, porque hai un xurado internacional de expertos. Non influirán, pero para nós será máis importante a súa reacción que o outro”, conclúe Quique Peón antes da partida da entidade ao Brasil.














