A Coruña lembra o legado de Ana Kiro, “unha muller adiantada ao seu tempo”
O Palacio de la Ópera acolleu a gala ‘Bícame Ana’, organizada por El Ideal Gallego e a Televisión de Galicia

Nunha cidade importante para ela como A Coruña celebrouse este domingo a gala homenaxe a Ana Kiro, ‘Bícame Ana’, unha auténtica viaxe no tempo que percorreu, desde o Palacio de la Ópera, toda a traxectoria da cantante de Santa María de Castañeda (Arzúa), desde os seus inicios até convertirse na raíña das verbenas e da televisión galega.
A xornalista Lucía Rodríguez foi a encargada de conducir esta viaxe, organizada polo Grupo Editorial El Ideal Gallego en colaboración con A Galega (Televisión de Galicia), onde se emitirá proximamente, que contou con momentos íntimos, pero tamén con moito baile, tanto de maiores como de pequenos que encheron o patio de butacas do Palacio. E foron unha ducia, ás que hai que sumar a da propia Ana Kiro, as voces que transformaron esta viaxe no tempo que foi o percorrido pola traxectoria dunha “muller adiantada ao seu tempo”.
Desde xeito, cas voces de Tania Veiras, Tamara Pérez e Pili Pampín cantando ‘A miña aldea’, deu comezo unha gala emotiva que botou a vista até os anos 60 para ver de primeira man “o nacemento dunha nova estrela”, a dunha muller, Ana Kiro, que fixo que a música galega cambiara e adoptara novas dimensións.
E así se percorreron aqueles primeiros pasos, aquel programa na radio de Sant Feliu de Llobregat no que participou ás agochadas, aquel primeiro contrato con Belter ou aquela competencia con Salomé para ver quen era a encargada de cantar ‘Vivo cantando’ no festival da canción Eurovisión. E foi Lucía Pérez quen reviviu aquel momento, traendo aquela icónica canción de volta aos nosos días. “Abriunos as portas a moitas mulleres galegas”, aseguraba a propia Pérez tras a actuación.
Non podían faltar temas como ‘Arrastrache-lo cu polas pallas’, nin voces como a de Tania Veiras, Fátima Pego, Virginia ou Naro para render a homenaxe merecida á raíña da verbena galega. Aínda que non todo iba mirar cara nós, tamén cara fóra, non só pola mirada á emigración que Ana Kiro levou por bandeira durante a súa carreira, senon tamén por cancións como ‘La noche de mi mal’, esa ranchera que o seu compañeiro de vida, Carlos Rivero, asegura que é unha das súas favoritas e que cobrou vida de novo coa voz de Pili Pampín, intercalada coa da propia artista arzuá.
Seguridade, carisma e sorriso
“Nunha boa verbena galega non pode faltar Ana Kiro”, aseguraba Tania Veiras tras cantar con Pili Pampín o ‘Galicia, terra meiga’ co que Ana Kiro regresou a Galicia nos anos 70 e co que logrou vender 100.000 copias en tan só un par de días.
E a mentada mirada cara fóra tamén estivo presente no propio público, con persoas vidas de Venezuela ou Suiza, ás que se lle adicaron cancións como ‘Recordando a Galicia’, na voz de Lucía Pérez.
Virginia e Tamara Pérez enxalzaron as múltiples facetas de Ana Kiro, pero, sobre todo a desa “Ana Kiro máis humana”. A súa “seguridade, carisma e sorriso”, son, pola súa banda, as características da artista que máis destacou Virxinia tras cantar a dúo con Tamara Pérez ese ‘Meigas fóra’ que foi antesala da primeira das reinterpretacións en clave contemporánea das letras que Ana Kiro cantou durante décadas.
E foron Tapa d’Orella, poñendo de pé a boa parte do público, os que escolleron ‘Costa da morte’ para incluila no seu propio, e moi aplaudido, prisma.
E con este primeiro inciso retornouse a un deses temas que en canto empeza a sonar non sale da cabeza, como lle pasou a milleiros de galegos noutras tantas verbenas, tal e como recoñeceu a propia presentadora. ‘A banana’, na voz de Fátima Pego, lembrounos a todos a canción que nos ensinou que “Pelotas é un estado do Brasil”.
E xa ben pasado o ecuador da cita, a Coral de Mera, a localidade que a acolleu e que ela deu a coñecer máis aínda a través da música, subiu ao escenario para reinterpretar ‘Rosiña’, igual que fixo a continuación Lucía Pérez con ‘A virxe da Renda’.
E logo chegou outro dos momentos emotivos, cando o actor Xoan Fórneas, que asegura que “Ana é un referente pop”, interpretou ‘Fálalle galego’, e llo adicou á súa nai, presente no público e con que cantou unha parte da canción.
E o Palacio non só viaxou no tempo, senon tamén no espacio, gracias á interpretación de ‘El hijo del ganadero’, nunha sorte de dúo entre Tania Veiras e a propia voz de Ana Kiro, que serviu de peche do terceiro bloque temático da gala, o de Ana como narradora da realidade, antes de dar pé ao derradeiro bloque, que non podía empezar doutro xeito que co clásico que gravou no 95, ‘Pídechas o corpo’, que para a ocasión contou coas voces de Fátima Pego e Lucía Pérez.
Pero Ana Kiro non só triunfou nos escenarios, tamén o fixo na televisión, con programas como ‘Toda unha vida’, que deron pé a que Naro Rodríguez volvera a poñer un punto emotivo cantando, coa única compañía do piano, ‘Toda una vida’.
E dun momento emotivo, a outro bailable e mirando de novo cara o futuro, con Lontreira traendo aos novos tempos un tema menos coñecido como ‘Amor de menos’. “O que fixo foi convertir a cultura popular galega na cultura contemporánea”, aseguraron antes de que o resto de participantes voltaran de novo ao escenario para, co liderado de quen era confundida coa súa filla, Pili Pampín, se pechase a gala como unha auténtica festa, cun popurrí que puxo ao Palacio en pé para cantar a capela, co coro dun público entregado, o ‘Vivir na Coruña’ que puxo o punto final a ‘Bícame Ana’.

















