Pili Pampín | “Eu chamaba a Ana Kiro e dábame consellos, era un amor de persoa”
A cantante será unha das voces que interprete as cancións da artista arzuana na gala ‘Bícame Ana’ que organiza mañá (19.00 horas) El Ideal Gallego e TVG no Palacio da Ópera

Sempre dixeron dela que era a discípula de Ana Kiro e para Pili Pampín é un auténtico “orgullo”. Mañá será unha das voces que volverá cantar aqueles temas icónicos que a artista arzuana fixo resoar durante décadas. Será no Palacio da Ópera, ás 19.00 horas, na gala ‘Bícame Ana’, que organiza o Grupo Editorial El Ideal Gallego, en colaboración con A Galega (Televisión de Galicia).
Que lle parece a idea da gala ‘Bícame Ana’?
Paréceme marabillosa, porque sempre é especialmente marabilloso recordala como a gran institución que foi en Galicia.
Como coñeceu a Ana Kiro? Tanto a súa música como a ela?
A Ana escoitábaa desde que era unha nena. A primeira vez que coincidín con ela foi hai como 38 ou 39 anos, que nos xuntaran na Estrada para gravar unha canción con moitísimos artistas galegos, unha canción contra o lume, porque fora un ano de moitos incendios. Coñecina aí. Foi unha persona marabillosa, encantadora, e caémonos moi ben desde o primeiro día. De aí xurdiu unha moi bonita amizade.
“Ao principio, todo o mundo pensaba que era miña nai. É unha muller que se fixo querer, non só en Galicia, senón en todo o mundo, a través da emigración”
Como era ela en persoa, máis alá do escenario e das cámaras da televisión?
Pois era a persona máis normal do mundo. Témonos xuntado na súa casa a comer moitas veces: simpática, agradable... Eu, cando tiña algunha dúbida, chamábaa e contestábame ao momento, dábame consellos por toda a experiencia que ela tiña dentro deste mundo da música e eu aínda estaba empezando... Ana era un amor de persoa, a verdade.
Por que cre que o público quería tanto a Ana Kiro?
Porque era moi cercana coa xente. Ela respetaba ao máximo ao público e por iso a querían tanto. Non tiña que disimular nada, ela era así, sencilla e amable con todo o mundo. E iso notábase moito.
Das cancións que cantaba ela, cales eran as súas favoritas?
Pois mira, eu nos meus directos agora, así como un recordo cara ela, levo un popurrí de case cinco minutos no que, por suposto, non pode faltar ‘Galicia, terra meiga’, ‘Pídechas o corpo’, ‘Vivir na Coruña’... Levo así un popurrí de distintas cancións que, si Deus quere, cantarémolas no Palacio da Ópera.
Como artista, que se sinte ao ser identificada como a súa discípula ou como a seguidora do seu legado?
Ao principio, todo o mundo pensaba que era miña nai (ri), era o rollo, que me confundían coa filla de Ana Kiro. Para min, é un orgullo, porque é unha muller que se fixo querer, non só en Galicia, senón en todo o mundo, a través da emigración. Cando saio fóra tamén me tratan con ese cariño. Era unha muller da que había que aprender moitas cousas. E deixou un gran legado, por suposto.
















