Fillas de Cassandra | “Desde a calma do coñecerse xurdiu o descubrir novas emocións”
Tras un tempo sen pasar pola Coruña, o dúo regresa para formar parte dos festexos de agosto, cun concerto este xoves (22.00) onde presentar o seu novo disco, ‘Tertulia’

Tras un tempo sin pasar pola Coruña, Fillas de Cassandra regresan este xoves (22.00 horas) nun dos grandes escenarios da cidade, o de María Pita, onde presentarán o seu último disco, ‘Tertulia’, e a súa nova posta en escena.
“É a presentación do noso segundo espectáculo, do noso segundo disco, que xa per se sona espectacular para min”, apunta entre risos Sara Faro. ‘Tertulia’, di a metade de Fillas de Cassandra, “é moito máis ca posta en escena dun novo disco, é a posta en escena dun acto que por cotiá non deixa de ser político, nestes tempos que cada vez hai maior individualismo, ese sacar as cadeiras fóra para saír á fresca e conversar”, explica, ao tempo que engade que agarda que a praza de María Pita “se convirta nesa praza de cadeiras fóra”.
A Coruña sempre foi un deses lugares que as recibiu “cos brazos abertísimos, desde que o proxecto comezou”, aínda que levaban aproximadamente “ano e medio” sen actuar na cidade. “Estamos nerviosas por volver e, ademais, a praza e as Festas de María Pita sempre foron un ‘check’ que nós queriamos cubrir”, motivo polo que é dobremente especial a visita do xoves.
O disco
O disco e o directo viron a luz hai apenas catro meses e, aínda pasado o momento da novidade, “segue xerando esa sorpresa”. “‘Tertulia’ vén a romper co que tiñamos establecido e propón algo novo, está a ser marabilloso”.
Foron varias preguntas as que “peteiraron na creatividade” do dúo. “¿Que pasou con eses espazos na rúa que eran colectivos? ¿Que pasou con esas señoras que sacaban as cadeiras á rúa? ¿Que saían á fresca?”, preguntábanse sobre “unha demanda que estamos a vivir a nivel social”. Tirando do fío “puidemos construír toda esta conversa aberta que pretende ser o disco, no que falar desde o máis banal ao máis político”, comenta Sara Faro.
Durante unha conversa polo lanzamento do primeiro disco, aseguraban que lles permitira descubrir novas emocións. Neste caso, a sensación é similar. “Dentro da experiencia, a inexperiencia emocional pode seguir aí, atopando novas maneiras de vir a recalcar que aínda está todo por coñecer”, afirma Faro, engadindo acto seguido: “Creo que si que seguimos atopando novas formas e, ademais, neste disco quixemos volver máis para dentro e falar das nosas experiencias, tanto no plano personal como profesional, o que temos acumulado e vivido xuntas durante estes cinco anos e todo iso nos permite falar dende outro lugar a cando nos coñecimos, porque daquela nós tamén eramos descoñecidas a unha para a outra”, explica entre risos, porque ela e María coñecéronse hai cinco anos. “Desde esa calma do coñecerse xurdiu o descubrir novas emocións”.
Un lustro
Cinco anos poden parecer pouco tempo, pero para Fillas de Cassandra serviron para moito. “Eu sinto como que foron sete vidas polo menos”, di entre risas Sara Faro.
“O balance que facemos é positivo, claro. Desde hai un tempo vivimos plenamente para a música e a música para nós é iso, para unha artista é o máximo ao que pode aspirar, que sería o que debería ser para todo o mundo, pero é complexo adicarse única e exclusivamente á música”, subliña. Faro di que non lle gusta o verbo “conseguir” para falar deste éxito, mais “chegar ata aquí” sería o máis adecuado. “Chegamos, dalgún xeito, puidemos deixar atrás cousas das nosas vidas que estaban aí, orbitando, e que nos desviaban da parte creativa. Agora podemos adicarlle tempo tanto á parte creativa, como á parte de descanso e de calma, que tamén fai falta cando queres volver e crear, estar chea de cousas que fan falta para crear algo novo”.
E, tras María Pita, a idea é seguir sobre os escenarios. “O mellor que te pode pasar cun disco é ter a oportunidade de amosalo”, di Faro dun dúo que naceu, precisamente, do directo antes de gravar nada. “Queda un verán cheo de concertos”.

















