Matías Romero | “Se se coida, a música en galego pode estar no panorama español ao mesmo nivel co resto”
O baixista e teclista de The Rapants, lembra o camiño da banda muradana ata reunir a miles de persoas nos concertos, como o de este martes (22.00) en María Pita

‘O avión’ de The Rapants aterra de novo na Coruña este martes. Pero non o fará en Alvedro, senón ante os ollos da heroína da cidade como un dos pratos fortes das Festas de María Pita 2026. A formación muradana, que xa congregou a miles de herculinos en varios dos seus concertos na cidade, volta este martes (22.00 horas) na que será a súa segunda visita á Coruña neste 2026, despois da súa actuación como parte dos festexos polo ascenso do Deportivo a Primeira División. Matías Romero, ‘Mati’ (Muros, 1995), lembra o proceso que seguiu a banda, de pasar dos bares da súa localidade natal ata formar parte dalgúns dos mellores festivais do país, e analiza o presente do panorama musical galego.
Que agardan do concerto en María Pita?
É un concerto que tiñamos moitas ganas de facer. Dos concertos que se fan na Coruña, é un dos mellores. Un dos escenarios máis guapos e nunha praza moi chula. Na Coruña sempre nos trataron incríble e non podemos ter queixa, a verdade.
Lonxe quedan os bares de Louro e a sala Nasmo de Serres.
Todo tiña que pasar. Para que agora podamos estar en María Pita, tivemos que estar na Nasmo e en todas esas salas. Empezar por María Pita non era o camiño correcto.
Daquela, ser artistas xa era unha prioridade para vós?
Nós levábamos tocando en grupos desde os 14 anos ou así e nunca foi máis que por divertirnos, por expresarnos e por gozar da música, pero si que chegou un punto no grupo no que houbo que darlle prioridade, pero nunca pensando en grandes escenarios nin en nada polo estilo. Foi todo moi natural e fomos collendo todo o que nos deron, pero a pretensión sempre foi a de desfrutar. Creo que debería ser a pretensión de calquera grupo, se non, convértese nun traballo e traballo xa hai abondo como para meter esas presións en algo tan bonito como a arte. Hai que valorar cada cousa cando pase.
Cando foi ese punto de inflexión?
Foi cando empezaron a saír os primeiros festivais. Nós xa tocáramos moito por Muros, pero cando había que ir a festivais máis grandes, houbo que decidir e poñelo como prioridade. No fútbol, aínda que xogas por desfrute, sempre queres realmente facelo ben. Isto é o mesmo.
“‘Rapants Club’ foi o noso disco máis crítico. Desfixemos de todo durante todo o ano ata que estivemos conformes co resultado”
Moita xente xa agardaba algo novo para este 2026.
‘Rapants Club’ foi o noso disco máis crítico. Tíñamos claro que queríamos facer un disco de calidade. Merecíamos poder dedicarlle o tempo e ser críticos con nós mesmos. Desquitamos letras e bases e fixemos e desfixemos de todo durante todo o ano ata que estivemos conformes. Ese é o camiño que imos seguir de aquí en adiante para non ter dúbidas despois e quedar tranquilos co resultado.
Cal foi a vosa inspiración?
Todo iso veu dos nosos gustos musicais. Cando comezas unha canción, non sabes por onde vai ir. Todos os estilos musicais témolos dentro e son estilos que nos gusta realmente escoitar. Poste en casa e sae o que sae.
Cal é a súa canción favorita do novo disco?
Deste disco, ‘Por Que Son Así’. Si que tíñamos unha balada no anterior, pero ese estilo máis relaxado e máis tranquilo era un estilo que non o tocamos moito. Ese tema fíxoo Samu e principalmente é unha guitarra e unha voz. Adentrarse neste estilo é algo moi profundo e a min márcame moito.
Tamén inclúe voces femininas.
A ver..., necesitábamos xente que soubera cantar ben (ri). Ao final, Sara Faro e Antía Ameixeiras son dúas das voces femininas máis características e potentes que hai en Galicia agora mesmo. Foi todo un orgullo que aceptaran a nosa invitación e cando as escoitamos, púxosenos a pel de galiña totalmente, impresionounos moito.
“Temos que remar todos no mesmo senso; vese que a xente usa máis o galego, pero aínda falta moito esa música nas radios”
Presentar o disco no Fontes do Sar, en Santiago, con sold out incluido, foi a forma perfecta de congregar a toda Galicia nun mesmo punto.
Si, realmente foi como tirarnos un pouco ao vacío. A idea era moi alocada ata que se fixo unha realidade e puidemos pagar o que realmente valía iso. Organizar todo iso é como montar un festival. Que non acabáramos na quebra despois de facer iso, foi alucinante (bromea). Foi un día no que quedamos moi orgullosos do público e supoño que eles de nós tamén.
Iso foi en marzo, pero este ano aínda queda moito The Rapants por Galicia, pero tamén por outras partes de España.
Todos os concertos que temos este verán son moi bonitos. Ademais, son momentos de desfrutar e ver ao resto do público que non poido ir ao Sar. Agora mesmo temos moita infraestructura e o show para ser pleno necesita cidades máis grandes. Ter a oportunidade de facelo é unha garantía para nós e algo que agradecemos moito.
É unha forma de expandir o galego tamén a outras partes e, sobre todo, de reivindicar a lingua.
Creo que hai moito que traballar, sobre todo por parte das institucións. Nós porque xa entramos en grandes festivais e temos un show, pero hai moita carencia aínda para toda esta xente que está saíndo. Debería facerse máis por parte dos medios e das administracións para que rememos todos no mesmo senso e apoiar a música en galego. Vese que a xente usa máis o galego pero aínda falta moito esa música nas radios e nos festivais.
Considéranse unha referencia para moitos artistas emerxentes en galego?
Nós vimos duns e eles veñen doutros. Todo ven de aí. Ten que haber referentes para que todo avance. Nós tamén tivemos os nosos, como Terbutalina, por exemplo. Son necesarios os referentes para ver a posibilidade do que se pode facer.
Agárdalle un bo futuro ao panorama musical galego?
Se se coida, si. Materia prima, haina, e artistas en Galicia hai moitos. Non depende só de nós, depende de moita xente e de que tomemos referencia doutros sitios, como o País Vasco ou Cataluña, onde se apoia moito máis a música co idioma propio. Se se coida, a música en galego pode estar no panorama español ao mesmo nivel co resto.














