O coruñés Xabier Díaz protagonizará a nova edición do Serán d’aquí
O festival celebrarase na praza de España entre os días 10 e 12 de xullo

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este martes na presentación dunha nova edición do Serán d’aquí, organizado pola Asociación Cultural Son d’aquí e que se celebrará os días 10, 11 e 12 de xullo na praza de España. No acto, que tivo lugar na sede do Club Deportivo Marte, no barrio de Monte Alto, participaron tamén diversas persoas integrantes da entidade organizadora.
O Serán d’aquí regresa consolidado como unha das citas de referencia da cultura tradicional galega na cidade, cun programa que combina música, baile, participación veciñal e convivencia durante tres xornadas. O evento mantén a súa vocación de espazo aberto e participativo, no que teñen cabida tanto as persoas que levan toda a vida vinculadas á tradición como aquelas que se achegan por primeira vez a ela.
Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou o labor desenvolvido por Son d’aquí ao longo da súa traxectoria e a capacidade da asociación para dinamizar a vida cultural de Monte Alto. “Seguiremos apoiando iniciativas que contribúen a preservar e difundir o noso patrimonio cultural, ao tempo que fortalecen os vínculos comunitarios nos barrios”, sinalou.
O programa
O programa arrancará o venres 10 de xullo cunha xornada de concertos protagonizada por Son d’aquí, Mediarea e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, a partir das 20.00 horas. Xa o sábado 11, as escolas e escoliñas da asociación serán as protagonistas dunha mañá dedicada á música e ao baile tradicional. A programación continuará cunha sesión vermú, un obradoiro de baile e unha gran xuntanza musical na que participarán diferentes asociacións convidadas.
A xornada rematará cunha foliada libre, un dos momentos máis representativos do Serán, aberto á participación espontánea de todas as persoas asistentes. O domingo 12 de xullo a praza de España acollerá unha foliada popular a partir do mediodía e unha tarde de xogos tradicionais para nenos e nenas, poñendo o broche final a unha fin de semana dedicada á cultura popular galega.













