Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

Mundos Digitales situará A Coruña no centro da creación dixital

Valentín González Formoso, participou este xoves no CEI da Coruña na presentación da 24ª edición de Mundos Digitales
Valentín González Formoso, este xoves, no CEI da Coruña na presentación da 24ª edición de Mundos Digitales
Cedida
banner-620x50
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este xoves no CEI da Coruña na presentación da 24ª edición de Mundos Digitales, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media, que se celebrará na Coruña do 9 ao 11 de xullo.

O congreso volverá reunir na cidade a profesionais e estudos de referencia internacional nos ámbitos da animación, os efectos visuais, os videoxogos, a intelixencia artificial, a produción virtual e as novas experiencias inmersivas. A edición deste ano abordará algúns dos grandes procesos de transformación que vive a industria audiovisual e do entretemento, cun programa no que terán protagonismo a converxencia tecnolóxica, os novos formatos narrativos, a creación interactiva e os retos éticos e legais da intelixencia artificial.

Formoso destacou que para a Deputación “é unha honra colaborar cun dos grandes eventos de referencia en España e en Europa no ámbito da creación dixital”, un congreso pioneiro no seu ámbito que “naceu na Coruña hai case un cuarto de século e que cada ano volve situar A Coruña e Galicia no mapa internacional da animación, os efectos visuais, os videoxogos, a intelixencia artificial e a produción virtual”.

O presidente subliñou que a Deputación apoia Mundos Digitales porque representa “o camiño que queremos seguir: unir talento, tecnoloxía, industria, formación e emprego, e facelo desde A Coruña, demostrando que este territorio pode competir ao máximo nivel nun dos sectores con maior proxección de futuro”.

A presentación celebrouse no CEI (Coruña Estudio Inmersivo), o maior plató virtual de España e un dos máis importantes de Europa, situado na Cidade das TIC. Formoso lembrou que esta infraestrutura “hai apenas uns anos era un soño e hoxe é xa unha realidade ao servizo do sector audiovisual galego e español”.

“O CEI abre novas posibilidades para o cine, a televisión, a publicidade, a moda, os videoxogos ou a animación; permite aforrar tempos e custos de produción e atraer novos proxectos, pero sobre todo pon unha ferramenta de primeiro nivel á disposición do talento galego e das empresas do noso sector”, afirmou.

O presidente incidiu en que o obxectivo da Deputación é que “o talento non teña que marchar para atopar oportunidades” e que as empresas audiovisuais galegas conten aquí con infraestruturas capaces de competir coas mellores do mundo. “Queremos que A Coruña sexa un lugar onde se pensa, se crea, se produce e se innova”, sinalou.

Formoso destacou tamén a importancia da localización do CEI na Cidade das TIC, “para que o audiovisual e a tecnoloxía se atopen nun mesmo ecosistema” e para favorecer a colaboración entre empresas tecnolóxicas, produtoras, centros de coñecemento e novos perfís profesionais. Segundo explicou, o CEI está actuando xa como unha infraestrutura tractora, dinamizando a contorna e impulsando novas oportunidades arredor da produción audiovisual.

Nesta edición, Mundos Digitales incorpora o CEI como novo punto de encontro coa xornada profesional 'Producción Virtual: el futuro de la creación digital', impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración co congreso. A cita está dirixida a profesionais, empresas, creadores, técnicos e institucións, co obxectivo de achegar as posibilidades creativas e tecnolóxicas da produción virtual e favorecer novas alianzas no sector.

Programación

A programación de Mundos Digitales 2026 incluirá máis de cincuenta citas profesionais e contará con nomes destacados como Paul Debevec, responsable de investigación en produción de contidos de Netflix; Sara Bennett, gañadora dun Oscar aos mellores efectos visuais por Ex Machina; Christina Caspers, directora xeral de TRIXTER e produtora executiva de Cinesite Group; ou profesionais vinculados a estudos internacionais e producións globais. Tamén haberá espazo para o talento español, con presentacións como a de 'El Ranchito' sobre o seu traballo na serie 'The Boys'.

Ademais das conferencias e presentacións, o congreso volverá contar con actividades xa consolidadas como os encontros 'Coffee With', a Feira de Emprego, o Festival Internacional de Animación, talleres, proxeccións, demostracións e espazos de encontro profesional.

Formoso agradeceu o traballo de Manuel Meijide e de toda a organización de Mundos Digitales, así como a colaboración das institucións que fan posible esta nova edición, entre elas a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña.

“Entre todos estamos construíndo un ecosistema que hai uns anos parecía unha quimera e que hoxe empeza a ter forma real: infraestruturas, empresas, talento, formación, innovación e eventos internacionais que sitúan A Coruña no centro da creación dixital”, afirmou o presidente.

Formoso concluíu que Mundos Digitales “demostra que desde aquí podemos participar na transformación global do audiovisual. A Coruña está preparada para volver ser, durante estes días, o epicentro da creación dixital. E estou convencido de que unha parte importante do futuro do sector audiovisual terá selo e acento coruñés”, rematou.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620