A Fundación Barrié recolle a Medalla de Ouro da Academia de Ciencias: “É un logro compartido”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) creou a súa Medalla de Ouro, máxima distinción da institución, para recoñecer o apoio de profesionais e entidades ao desenvolvemento da ciencia na comunidade. A primeira decidiu concederse á Fundación Barrié, unha distinción que recolleu onte no paraninfo da Universidade de Santiago.
Foi a presidenta da Fundación, Pilar Romero, quen recibiu de mans do presidente da academia, Juan Lema, o galardón nun acto ao que asistiron, ademais de académicos e membros do Padroado da Fundación Barrié, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; e os reitores da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; da Coruña, Ricardo Cao; e de Vigo, Carmen García.
O presidente da RAGC lembrou que a Fundación Barrié cumpre 60 anos ininterrompidos de mecenado: “Seis décadas de apoio sostido á educación, á cultura, á acción social e, dun xeito moi singular, á ciencia e á investigación. Non é esaxerado afirmar que, historicamente, é a institución civil que máis contribuíu ao progreso da ciencia e da investigación en Galicia”.
Ao recoller a medalla, a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero, manifesto que é “un recoñecemento compartido con todas as persoas que fan avanzar a ciencia co seu traballo e compromiso”.











