Pablo J. Rañales | “En Galicia podemos narrar os medos colectivos co terror”
O escritor publicará no mes de xullo ‘Espigas queimadas’, a súa cuarta novela (e segunda en galego, tras ‘Os afogados', publicada por Galaxia)

Para amar un ten, como no poema de Ángel González, que morrer moitas veces moito. Tal parece ser a idea detrás de ‘Espigas queimadas’, a nova novela do escritor Pablo J. Rañales (1999), mugardés que retorna á literatura de xénero para narrar unha historia, con base nos Ancares, na que unha parella se adentra nun mundo de terror tras quedar encerrados nunha casa rural. Non o fai só: acompáñao nesta nova aventura, tras lanzar ‘Os afogados’ (coa que gañou o premio Illa Nova Narrativa en 2023), Calacán Editora, o proxecto indenpendente de Rober Cagiao e Iago Fandiño. Desde o 6 de xullo, chearán as estanterías galegas co mellor terror patrio.
Como define a súa novela?
É unha historia que aborda o horror das nosas relacións afectivas, os bucles nos que entramos nas nosas dinámicas sociales, nos nosos vínculos, e como en ocasións son moito máis terroríficos que os monstros.
Cre que se poderán ver reflectidos os mozos que a lean?
Eu creo que o lector vaise sentir identificado non só cos condicionantes sociais e económicos, senón mais ben cos condicionantes mentais cos que os protagonistas chegan á historia e que se van desenvolvendo na obra. Os dous o que fan é transitar a ansiedade, o estrés, o sobrepensamento, os círculos mentais nos que nos metemos. Creo que o modelo de vida actual fai que os mozos transiten con máis asiduidade da que nos gustaría eses estados mentais. Os protagonistas son así, ansiosos, só se miran por dentro pero non son capaces de saír para fóra, de liberarse, e iso ten unha parte moi terrorífica. E hai algo tamén na novela relacionado co diálogo interno, coa idea de que estamos constamente producindo e consumindo en redes sociais, e Alba e Rafael (os protagonistas) comproban que na súa estancia no Piornedo internet morre tamén. Non hai novidades nin poden conectar con ninguén, e ante ese macrosilencio o terror está de novo en escoitar eses pensamentos, en revisitar o pasado e adquirir consciencia do vivido. Ese silencio do mundo activa o diálogo interior, no que descobren que están os monstros agochados, e o que fai o hotel é prender o lume.
Tamén se abordan as dinámicas tóxicas das relacións en parella.
Si, toda a novela está estructurada para pensar niso. O máis tremendo de este trasvase do amor ao odio que se produce é que non te das conta de que estás transicionando a esa outra cara da moeda. Os protagonistas chegan coas mochilas moi cargadas, e hai unha entidade maligna que se encarga de liberar todos eses rencores, ese pus e escuridade. Pero todo iso que levan dentro eles lévano enchendo pouco a pouco como se fose unha fosa séptica, e ningún dos dous se deu conta de que estaban tan asqueados o un do outro, tan necesitados de deixar de convivir, ata que chegan ao límite. E iso é o que da moito medo: non saber identificar cando estás xa metido nese abismo, e que todo agrome como un volcán.
Foi un reto trasmitir esa claustrofobia dos personaxes?
Escribir esta novela para mín foi en si mesmo un experimento. Eu quería pasar de ‘Os afogados’, que é unha novela con moitos escenarios ao longo do litoral de Galicia e varias personaxes, a algo totalmente minimalista, que fose nunha soa habitación, e sabía que ía ser curta pola intensidade que ía ter. É unha novela cun ambiente cargado, con moito calor, suor, asfixia, e sabía que ía ter unha evolución emocional moi clara e que se tiña moitas páxinas ía ser difícil de ler, asi que tomei a decisión de que o lector poida ir brevemente ao pasado, ás lembranzas dos personaxes. Ese foi o reto, conxugar a intensidade do ambiente pechado con esas lembranzas e pensamentos dos personaxes para intentar descansar un pouco do ambiente tórrido da novela.
A tradición galega é fonda en lendas e mitos terroríficos. Escribiu esta novela pensando nalgunha historia dese estilo?
A novela ten referentes múltiples, pero quería inscribirme nesa tradición de espazos malignos da literatura, e iso levoume a historias como ‘A caída da casa Usher’, de Allan Poe, ou incluso ‘A casa tomada’, de Córtazar, historias onde os lugares nos que están os protagonistas teñen impactos neles e na historia. Eu quería introducirme nesa tradición do terror de certas estructuras, espazos ou paisaxes que son xenuinamente malignos, asi que a casa rural á que van os protagonistas tamén o é.
Por que alguén tan mozo decide explorar esas narrativas no lugar das máis habituais en galego?
Primeiro, porque foron o tipo de historias que a min me fixeron lector, e por tanto son as que me gusta construir, hai un motivo lúdico e de pracer detrás. E tamén me parece bonito que haxa un compromiso, un intento de contribuir á renovación destes xéneros en lingua galega. Necesitamos historias e novelas que amosen perspectivas distintas, saber que desde Galicia podemos narrar os nosos medos colectivos co terror, construir un horizonte coa ciencia ficción ou evadirnos coa fantasía.
Como foi o proceso de traballar con Calacán?
Acabei moi contento. É unha editorial independiente, dunha parroquia rural de Miño, e teño un trato moi bo cos editores. Vin que hai un equipo detrás moi profesional para temas como as cubertas (dunha artista tamén de Miño, Lu Kano Art) ou coa corrección e maquetación da novela. Todo o proceso foi moi fluido, ti notas cando do outro lado tamén se volcan e ilusionan coa túa novela, e iso só se pode agradecer. Ademais, sae nun formato que me fai moitísima ilusión, de peto, cómodo para levar á praia ou nas mochilas, e que non abunda no ecosistema literario galego. ‘Espigas’ só vai ter 100 páxinas, pódese ler nun par de tardes, e iso tamén é novidoso. De igual maneira que o xénero está pouco explorado, tamén o formato.
Falando de xuventude: como está sendo xestionar a súa carreira literaria? Cre que os escritores mozos teñen facilidades ou oportunidades no ecosistema galego actual?
Creo que o estou a xestionar coa maior intuición posible, porque é difícil determinar o camiño. Eu tiven a sorte de que o premio Illa Nova Narrativa de 2023, que gañei, me abriu portas e creo que posicionou á ciencia ficción nun lugar bonito e bo, e agora o que toca é seguir. En Galicia temos unha cousa que en ocasións é negativa e noutras positiva, que é que o ecosistema ao ser pequeno a veces é case familiar, e iso permite xerar unha rede de contactos máis cercana, máis de proximidade con outros autores, editores, clubes de lectura... E ao final os nosos problemas son os que temos a nivel estructural, coa idea de vivir da escritura, porque temos poucos recursos materiais e unha ausencia de infraestructura física que nos permita mellorar como narradores. Creo que necesitamos ir máis alá das residencias artísticas e empezar a impulsar programas de mentoría onde os autores noveis poidan traballar cun autor máis consolidado a través dunha beca e que os guíe nese proceso creativo. Creo que o futuro do ecosistema literario galego tamén vai da man dunha renovación a nivel temática, que vai de novo por era aposta por novos xéneros e voces e por combatir a opacidade do sector, porque seguimos tendo dificultades para saber como funcionan estas engrenaxes do sistema literario ou como podemos construir unha carreira profesional de calidade indepentemente da súa magnitude. É intentar contrarrestar a falta de coñecemento, que non só é técnico, senón contextual: como traballa a industria, como se move, e que implica ser o autor no século XXI. Por aí temos que traballar máis.














