Quinito López Mourelle | “A música é como unha especie de activación da imaxinación”
Publica unha nova obra literaria, ‘Una novela para Victoria’

Quinito López Mourelle volve dar forma á súa imaxinación, desta volta como unha nova novela nada da mellor maneira que nacen as ideas: “dunha forma sinxela”. Trátase de ‘Una novela para Victoria’, a súa primeira autopublicación, que este xoves presentou no Circo de Artesáns acompañado da xornalista Doda Vázquez e do músico Roberto Somoza.
“Simplemente foi unha idea, un encontro entre dúas persoas”, comenta López Mourelle sobre o xerme do seu libro, do que afirma cun sorriso que prefire “non desvelar moito”, pero do que detalla que é “un encontro do máis normal e cotiá”, pero que sen embargo “algo alumiñou na miña cabeza” para desenvolver ese encontro “nunha dirección” que lle permitiu que as personaxes foran “cobrando vida e a súa propia personalidade”.
Aínda que sexa un encontro casual, algo cotiá, a obra permite ao escritor abordar temas máis profundos como a soidade. “Como esas personas teñen personalidade, interaccionan, se rebelan as súas carencias, virtudes, defectos de cada unha”. “A protagonista está nunha situación crítica, poderiamos dicir, en canto ao seu encaixe nunha sociedade da que formou parte e da que de repente se ve illada”, comenta López Mourelle. “A partir de aí, a soidade é como un tema matriz do que se nutren outros temas que van coa idade, co propio feito de ser muller...”, explica grosso modo o autor.
Música e literatura
López Mourelle alterna a creación musical e a literaria. Mais a música está sempre presente na súa obra literaria de diferentes formas. Unha é que sempre acompaña as novelas “cun anexo que é un listado dos discos que escoito mentres escribo, porque me inspiran moito os discos, a música en xeral axuda a recrear imaxes, é como unha especie de activación da imaxinación. A música é como si alguén puxera unha película ante min”, indica o autor, que aclara que nesta ocasión foi diferente.
“Nesta novela escoitei só un disco, o mesmo todas as mañás”, afirma. Normalmente o proceso de escrita vai acompañado de descubrimento de nova música, de “adquirir novos discos e ir probando”. Pero desta volta escoitou so ún, en modo repetición, cuxa “atmosfera encaixaba tan ben co que quería plasmar que quedei só con ese disco. Para min está intimamente ligado á novela”. Trátase do primeiro volume de ‘Hannigan sings Zorn’, un disco da cantante e directora de orquesta canadense Barbara Hannigan, da que o autor destaca que é “unha forza da natureza”. “Ten cousas moi arriscadas, outras moi sublimes, moi placenteras”, indica sobre este traballo de “lírica contemporánea, a piano e voz”. “Son dous volumes, eu só teño o primeiro, a ver se alguén se anima a regalarme o segundo”, comenta entre risos.
O libro, explica, poderase comprar únicamente na librería Xiada. Aínda que autoeditou a novela, asegura que tivo axuda “para moitas cousas” da súa anterior editorial. Sobre o proceso, asegura que ten “algunha cousiña burocrática, pero si tes sorte coma min de ter ese asesoramento, facilita moito o camiño”.













