Manuel Esteban | “A novela negra é a evolución das novelas de cabaleiros”
O escritor presenta este mércores en Lume (20.00 horas) a edición en castelán de 'La ira de los mansos' e 'Me llaman nadie'

Hai dez anos, Manuel Esteban, médico de profesión, probaba sorte coa escrita con ‘A ira dos mansos’, a primeira das súas novelas coa figura do inspector Carlos Manso como protagonista, que lle valeu o premio Xerais. Unha década máis tarde, o inspector Carlos Manso pásase ao castelán ao abeiro de NdeNovela, do grupo Planeta, editorial que acaba de lanzar, nun mesmo volume, as dúas primeiras novelas do peculiar antiheroe de Manuel Esteban, ‘La ira de los mansos’ e ‘Me llaman nadie’, que mañá, mércores 17, presentará na libraría Lume (20.00 horas).
“Tiven dúbidas”, comenta o escritor sobre a tradución ao castelán, máis ben “medo”, porque “ao revisitar o teu libro dez anos despois, é fácil caer na tentación de cambialo completamente, porque nin eu son a mesma persoa, nin o mesmo escritor, nin teño as mesmas cousas na cabeza”. Así que o único que fixo foi “coser un par de fíos que daquela deixara un pouco soltos” no primeiro libro, pero o segundo quedou intacto. “É unha tradución que non traizoa en absoluto o orixinal en galego”, comenta.
Neste exercicio de revisitarse a un mesmo, como ve o Manuel Esteban de 2026 ao Manuel Esteban de hai dez anos?
O libro creo que é igual ou máis necesario que hai dez anos, non só non hai cambios a mellor, senón que penso que a sociedade camiña cara un individualismo cada vez máis feroz, que deixa de lado cada vez a máis xente nas marxes. Creo que teñen vixencia plena. En canto a outras cousas, Vigo está moi transformado, non é o Vigo que eu contaba hai dez anos, na portada incluso hai un TOC para os vigueses de pro (ri), que é que aparece o ‘Halo’, pero construiuse anos despois de acabar eu a novela. En canto a min, como escritor estou completamente transformado. Co primeiro non sabía que ía ser un libro, co segundo xa había unha presión, unha responsabilidade diferente, perdeuse algo de frescura que había no primeiro. Hai un cambio sustancial en min como escritor e como persoa.
E como naceu este Carlos Manso que é como un antiheroe que loita por unha causa xusta?
É un pouco Don Quixote, si. Dicíame hai uns días un cervantista que el pensaba que a novela negra era a evolución natural das novelas de cabaleiros andantes. Nunca o pensara así, pero teño que darlle a razón. Dicíame que Manso era un pouco ese Quixote revisitado. Eu quería un inspector moi resabiado, de volta de todo, misántropo, co cairo así moi revirado... quería pousar unha ollada sobre a discapacidade intelectual que se asemellase á mirada condescendente da sociedade. Xa nas primeiras páxinas acabou devindo nun tipo con vida propia que é misántropo e cínico, pero tamén é bo tipo, ten o corazón no lado correcto, ao tempo que é impulsivo e inmaduro, pero terriblemente lúcido. Nesas contradicións medrou e escapóuseme das mans.
Como autor, como é a experiencia de revisitarse a un mesmo?
Tiña un pouco de medo, pola tentación de cambialo completamente. Pensei que podía sentirme tentado de meterlle moito a man ao libro e transformalo nun diferente. Decidín que estaba ben, que aínda que era un libro escrito nun momento da miña vida que non sabía que estaba a escribir un libro, eu estaba, como dicía Murakami, na mesa da cociña e non contaba con que iso fose a ser lido por ninguén. Dez anos despois, pousando de novo a mirada nel, decidín que estaba ben, que merecía esta segunda oportunidade. Tamén quixen ser eu quen lle metese man para darlle o xiro axeitado a ese cairo revirado que ten Manso, que ás veces é tan difícil de traducir, porque as veces a liña que separa a brincadeira do exceso de franqueza é moi sutil, moi fina (ri).
E xa hai ideas para o futuro?
A idea é publicar en castelán a terceira, ‘A vinganza dos homes bos’. Teño enfornando un posible cuarto libro de Manso, porque o lector é soberano. E estou a escribir outra de ciencia ficción, porque descubrín que me gustan xéneros moi diversos.














