Iria Villar | “Moitas veces non se sabe que beber auga tamén protexe a nosa pel”
Técnica de prevención da AECC en A Coruña, alerta de que as taxas da incidencia do cancro de pel non paran de subir dende 2022 e apela a introducir pequenos hábitos que poden “salvarnos”

Aínda que coñecemos de sobra a importancia de protexer a nosa pel fronte ao sol, a realidade é que todavía queda moito camiño para evitar hábitos tan nocivos como non botar crema ou máis descoñecidos como a importancia de estar hidratado. Así o expón a técnica en prevención da AECC en A Coruña, Iria Villar, con motivo do día europeo da prevención desta patoloxía.
As taxas de incidencia non pararon de subir, por que?
Nos últimos catro anos, a incidencia no cancro de pel subiu un 40%. Non sei se a pandemia tivo algo que ver, pero un dos principais motivos aos que se achaca é ao ideal do bronceado que se promociona en redes sociais, que fai que as persoas se sintan máis guapas estando morenas.
Hoxe en día todos coñecemos os riscos de non protexerse fronte ao sol, onde estamos fallando?
Creo que aínda falta un pouquiño máis de concienciación nos riscos que ten a radiación solar. Todos pensamos que se a pel se pon máis vermella na praia, non pasa nada porque dentro de dous días, volve en si. Como non é algo que teña unhas consecuencias a curto prazo, pasámolo por alto.
Este é un tipo de cancro que aparece cando xa é tarde?
Normalmente soe pasar en idades máis adultas, onde esas peles sufriron unha exposición excesiva ao sol.
Unha enquisa do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, revelaba que nos preocupa máis a estética que a saúde.
Si. É verdade que calquera mancha ou lunar que sexa un pouco sospeitoso, sempre é bo revisalo. Porque os cancros de pel poden, de primeiras, aparecer como algunha mancha. Non está mal esa preocupación.
Na era do skincare, non debería calar máis esta mensaxe?
Pois a verdade é que por estética cada vez hai máis xente, sobre todo xóvenes, que se protexen do sol para que non saian esas manchas ou para que quede unha pel menos engurrada ou menos envellecida no futuro. Pero tamén é verdade que, pola outra parte, ese ideal do moreno, das marcas do bikini, está custando aínda que cale e que se protexan.
Hai bronceado saudable?
Non. O bronceado é unha forma de defensa que a nosa pel ten para protexerse da radiación solar. Ningún bronceado sen protección é saudable. Hai que ter moito coidado e botarse crema.
Que máis é importante pero se descoñece?
Algo como que nos días de calor, hai que estar moi hidratados con auga. Moitas veces non se sabe que beber tamén nos axuda a que non haxa ningunha lesión na pel. É outra forma de protexernos, pero por dentro. Tamén non estar nas horas centrais do día expostos ao sol. Son esas pequenas cousiñas que nos van salvar e que ao final non custa nada incorporalas no noso día a día. E non só no verán, é importante todo o ano.














