'Aquí tamén se fala' triunfa co galego tamén en formato festival
Miles de persoas encheron a praza da Tolerancia

O proxecto coruñés 'Aquí tamén se fala' triunfou este venres na cidade co seu formato de festival, no que actuaron nomes da música en galego como De Ninghures, Kid Mount e Apolo 18, canda a portuguesa Carolina Deslandes, unha das voces máis relevantes da música lusa contemporánea e auténtico fenómeno social cun millón de seguidores en Instagram nun país de pouco máis de dez millóns de habitantes.
A terceira edición do festival, impulsado pola iniciativa 'Aquí tamén se fala', un proxecto iniciado no IES Rafael Dieste e que xa se ten estendido por máis de 200 centros educativos de toda Galicia, reuniu miles de persoas na praza da Tolerancia.
O proxecto pon especial atención na música e a cultura galegas, realizando gravacións e entrevistas para divulgalas a través das redes sociais. O seu obxectivo é impulsar o uso do galego e rachar cos prexuízos que "pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala no seu idioma propio".
Este ano, ademais, o proxecto celebrou un dos seus máis importantes logros: conseguir que o Deportivo mude o topónimo da súa denominación de 'La Coruña' a 'A Coruña'.












