
Ducias de personas marchan este domingo para facer un "último intento" de salvar os frescos que Urbano Lugrís pintou no antigo restaurante Fornos, na rúa Olmos. Armados con paraugas pintados con motivos lugrisáns, congregáronse no Obelisco e comezaron a súa andaina ao grito de 'A Coruña pola beleza!'.
"O valor das obras de Lugrís xa non temos que dicilo nós, porque a Xunta declarou que son Ben de Interese Cultural (BIC)", explica Rodrigo Osorio, da asociación O Mural. "Non fan nada e están a punto de caer", alerta, lembrando que a necesidade de actuación circunscríbese "a xuño, xullo, agosto, setembro e outubro se o cambio climático axuda". "Quedan cinco meses para facer unhas obras que protexan os murais", engade.
"Si non o fan agora, nós teremos a conciencia tranquila de ter feito todo o que puidemos cos nosos recursos, que é pintar paraugas, salir á rúa e presentar escritos ás administracións", subliña Osorio.
O venres, o director xeral de Patrimonio falou dun "encapsulamento" para protexer os murais durante as obras e as inclemencias do tempo. "Os arquitectos aos que preguntamos non entenden o concepto de encapsulamento", asegura Osorio, que critica que non se detallara en que consiste ese encapsulamento e cando se vai levar a cabo.

O representante de O Mural critica que todas as propostas que se fixeron até o de agora veñan despois "de actuacións nosas". Fala doutras manifestacións e "performances" que levaron a cabo desde hai un lustro. Por iso agardan que a marcha deste domingo surta efecto. Fala Osorio incluso do potencial turístico: "Poden ir a barbacoas coreanas ou a unha taberna galega, eu teríao claro", afirma en relación ao Fornos e ás obras de Lugrís do seu interior.
Namentres, ducias de coruñeses marcharon pola Marina con pancartas e paraugas con motivos lugrisáns, ao grito de "Atlantismo" ou "Quen rexeita a beleza? A Xunta e mais a alcaldesa", intercalados cunha rapsodia lugrisá ou con 'O porto de Os', a versión lugrisá de 'Dirty old town'.
A andaina culminou ás portas do pazo municipal de Maria Pita, lembrando que A Coruña é a “Florencia do Atlántico” grazas a figuras como Urbano Lugrís.
Na fin da andaina, confluiron en María Pita a marcha e unha procesión do templo de San Jorge, que fixo que o espírito lugrisá trascendera a fe: “Que o espirito de Lugrís sexa con todos vós”, declamaba o historiador Felipe Senén.













