
Galicia converterase do 1 ao 3 de xuño de 2027 no epicentro do audiovisual celta coa celebración na Coruña da 48ª edición do Celtic Media Festival, o principal encontro internacional dedicado á promoción das linguas, culturas e industrias audiovisuais das nacións celtas. Trátase dun fito histórico, xa que será a primeira vez que este prestixioso certame se celebre en Galicia dende a súa creación.
A chegada do festival a Galicia é unha iniciativa impulsada pola TVG e polo Clúster do Audiovisual Galego, coa colaboración de diversas institucións públicas que participarán como entidades patrocinadoras do evento, contribuíndo a converter Galicia no gran punto de encontro da industria audiovisual celta.
O Celtic Media Festival reúne cada ano a profesionais, produtores, creadores, directivos de medios e responsables de contidos dos territorios celtas de Europa. O encontro combina conferencias, actividades profesionais, sesións de networking, foros de coprodución e a entrega dos prestixiosos Torc Awards for Excellence, considerados entre os galardóns máis relevantes do sector audiovisual e radiofónico das nacións celtas.
Ao longo da súa traxectoria, o festival percorreu territorios como Escocia, Irlanda, Gales, Bretaña, Cornualles ou a Illa de Man, consolidándose como unha referencia internacional para a creación audiovisual en linguas minorizadas e para a promoción da diversidade cultural.
O certame recoñece anualmente os mellores traballos en televisión, radio, cinema e novos medios producidos nos territorios celtas. Neste escenario de máxima relevancia internacional, as producións galegas compiten con contidos de operadores e plataformas de referencia como a BBC, RTÉ, TG4, S4C, MG ALBA ou France 3 Bretagne.
A participación galega no festival medrou de forma sostida nos últimos anos, tanto en número de candidaturas como en recoñecementos obtidos con 13 nominacións na pasada edición. Entre as producións seleccionadas figuran ficcións, longametraxes, documentais, programas de entretemento, contidos infantís e proxectos radiofónicos que amosan a diversidade, a innovación e a calidade do sector audiovisual galego.
A celebración do Celtic Media Festival na Coruña reforza o posicionamento internacional do audiovisual galego e da cultura galega no contexto europeo, ao tempo que abre novas oportunidades de colaboración, coprodución e intercambio profesional entre os principais operadores e produtoras dos territorios celtas.
A organización desta edición representa un exemplo de colaboración entre o sector audiovisual galego e as institucións públicas, que suman esforzos para impulsar a proxección internacional de Galicia e consolidar o seu papel como referente cultural e creativo dentro do ámbito europeo.












