A fronteira entre vida e morte protagoniza 'Viaxe ao Mictlán', nova mostra de Xan Quintana na Casa Museo Picasso
A exposición, con arredor de 30 fotografías, pode verse ata o 1 de agosto

Para moitas culturas a morte non é un final, senón só un tránsito ou viaxe máis cara un novo destiño. Arredor desa idea constrúe o artista Xan Quintana unha exposición, ‘Viaxe ao Mictlán’, que é o resultado das súas vivencias durante anos en México, onde contactou co seu Día de Mortos e cunhas tradicións que, cre, lembran á maneira de entender tamén os falecementos en Galicia.
Os coruñeses poden ver así arredor de 30 imaxes sobre vida e morte na Casa Museo Picasso, que acolle a exposición ata o próximo día 1 de agosto. A mostra foi inaugurada polo fotógrafo esta tarde xunto ao concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, quen sinalou como a obra de Quintana une “dous mundos moi lonxanos xeograficamente pero con moito que ver, con como se entende a morte”.

É México polo tanto para o edil un “lugar cercano”, xa que “acolleu a moitos galegos emigrados” e cuxas conexións coa nosa terra van ata o punto de que celebran “a morte como un tránsito, cun 1 de novembro festivo” que pode recordar ao noso Samaín. Así, dixo que “é importante que esta exposición esté nun espazo tan simbólico para a arte da nosa cidade”, e asegurou que as fotografías de Quintana “conectan cunha tradición de artistas como Xurxo Lobato, Federico García Cabezón ou Vari Caramés que fan da nosa cidade unha referencia”.
Orixe
O Mictlán, segundo a mitoloxía mexicana, é o lugar onde van as almas dos defuntos despois da vida. Unha sorte de purgatorio no que enfrontarse a novas probas e retos antes do descanso eterno. “Os mexicanos non entenden a morte como un punto final, senón como un cambio de ciclo, unha transformación. Teñen un entendemento diferente, paralelo á Santa Compaña e outras tradicións galegas”, expresou pola súa parte Quintana. “É impactante entender a morte como algo máis cotidiano. Non é algo triste, senón un tránsito a un misterio”, explicou.
Para o artista o proceso de creación foi orgánico: “Eu vivín 18 anos en México. Cheguei alí no 2006, e foi un traballo que fun desarrollando co tempo”. Estas fotografías forman parte da súa última etapa no país, entre 2018 e 2022, cando “xa tiña formada unha concepción de México e o tiña interiorizado”. “Sempre me atraeu moito a cultura mexicana, especialmente as súas tradicións co Día de Mortos e o vínculo que manteñen coa vida e a morte. Fun pouco a pouco facendo una obra ao respecto e, cando xa tiña moito traballo acumulado, empecei a ver que fotografías tiña e de que falaban e xurdiu o concepto”, comenta.
As rápidas conexións que viu coa cultura e tradición galega axudaron: “Hai tres fotografías por exemplo nada máis comenzar a exposición que levan por nome ‘Procesión ao Mictlán’ e que para min parécense moito á Santa Compaña”. “Penso que hai moitas similitudes entre Galicia e México nese misticismo, que vive dentro de nós e supera o racional, pero que é unha riqueza. Esa conexión cos difuntos e a morte, a mística das pantasmas e as procesións, é común en ambas culturas”, reiterou.
E “aínda por enriba México foi a Nova España en tempos coloniais, nos que mesturou todo o seu pasado e tradición prehispánicos co catolicismo, xerando unha mezcolanza que tamén hai en Galicia, e da que saiu algo diferente e moi curioso”. Porén, o artista rematou a súa intervención invitando a que cada visitante saque as súas conclusións: “Gustaríame que as imaxes falen por si mesmas”.











