As torres de Monelos na Coruña: as vivendas de mariñeiros máis características
Daniel Lanero e Xurxo Antelo presentan un libro no que analizan este grupo de edificios que se comezou a crear para os traballadores do mar en altura

Coa súa condición de pobo mariñeiro, Galicia foi protagonista durante o século pasado da creación de multitude de polígonos de vivendas adicadas aos traballadores do mar. Normalmente ían dirixidas a un público moi concreto e tiñan unhas características determinadas, mais algún destes polígonos salíase da norma.
Os profesores e investigadores Daniel Lanero e Xurxo Antelo firman o libro ‘Más vale fortuna en tierra que bonanza en la mar. Franquismo y vivienda social para pescadores en Galicia’, que este xoves presentan na Libraría Berbiriana (19.00 horas), acompañados da profesora titular da área de Historia e Institucións da UDC Margarita Vilar Rodríguez.
Trátase dun proxecto que vén doutros programas, de hai unha década, que abordaban a vivenda social en Galicia. Neste libro inclúen cinco casos de estudo de vivendas para mariñeiros na provincia da Coruña, destacando entre os cinco un con características que o diferencian bastante do resto.
Trátase das torres de Monelos, os oito inmobles sitos na marxe da avenida e construidas nos anos 70. Son, como explica Antelo, “as chamadas Torres dos Mariñeiros”, un caso “bastante diferente ao resto porque é un modelo de vivenda do tardofranquismo e porque eran para pescadores de altura”. Deste xeito, non se corresponden estas torres co modelo máis habitual para este tipo de vivendas sociais, “casas baixas” para os pescadores de baixura, como completa Lanero.
Este modelo de vivenda previo “non era económicamente moi viable”, polo que a partir dos anos 60 o modelo empeza a virar cara a “construción en altura”. Lanero reincide nese outro aspecto singular deste polígono coruñés, que os seus destinatarios eran os pescadores de altura: “Facíanse para mariñeiros enrolados en barcos de pesca de altura con base en A Coruña”. Por varios motivos, evitar “gastos” e “problemas morais”, sobre todo dos traballadores máis novos, pero tamén para “fixar poboación na Coruña”, xa que moitos destes pescadores, habitualmente estaban ligados a outros peiraos antes de recalar en buques de altura do “peirao industrial máis importante de Galicia”.
Lanero lembra que tamén foi peculiar o destino das vivendas, xa que ademáis dos propios pescadores, foron tamén a outros traballadores do mar: cociñeiros, contramestres, responsables de almacén do porto, mulleres de mariñeiros, vendedores... “Se dá unha correlación bastante directa entre destinatarios teóricos e ocupantes”, di Lanero.
A problemática
Antelo explica que foron moitos os problemas deste polígono de Monelos. As calidades e desperfectos foron algúns. Pero houbo outro trasfondo con moitas complicacións: “A institución que se encargou de promovelos foi o Instituto Social da Marina, que a partir de certo ano pasou a ter competencias para promover eses polígonos e pediu un crédito ao Instituto Nacional de Vivenda para a compra dos terreos e axudar coa construción. Pero logo había unha especie de baleiro, o ISM non devolvía o diñeiro e os propietarios reclamaban que atenderan ás múltiples deficiencias”. Pero mentres non se saldaba a débeda, ninguén se facía cargo. “Foi un caso particular” e os veciños “non estiveron regularizados ata os 90”.
Isto, sumado ao auxe dos movementos veciñais, que empezaban a ser máis críticos co franquismo, derivou en múltiples formas de protesta pola situación. “Os propios veciños formaron unha plataforma”, indica Antelo, que lembra que lograron levar a situación incluso ante o Senado. “Houbo bastante organización da veciñanza ao redor deste problema”.
Deste xeito, este peculiar polígono é o único caso con todas estas singularidades dos estudados no traballo. “Quizais no País Vasco ou en Cantabria había bloques destas dimensións para mariñeiros, pero dentro dos casos do libro, este é diferencial”, indica Lanero, que lembra que isto era así dada a importancia da Coruña como “porto de pesca industrial”.














