Grupo Editorial El Ideal Gallego organiza un foro de prevención de incendios con Medio Rural

Grupo Editorial El Ideal Gallego organiza un foro sobre prevención de incendios, no que se abordarán temas como a obra preventiva no ámbito forestal e a prevención como tarefa compartida. A xornada terá lugar mañá, venres, ás 12.00 horas no salón de actos da ONCE, no Cantón Grande, e nela vaise falar do principal obxectivo da Consellería en materia de incendios forestais: a protección integral dos montes galegos, con tarefas de prevención, vixilancia e extinción.

Presentado pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, no foro intervirán o xefe de Servizo de Prevención de Incendios Forestais da provincia da Coruña, Guillermo Acebal; a xefa do Distrito Forestal V, Sara Romero; o subdirector xeral de Prevención de Incendios, David Prieto; a presidenta da comunidade de montes de Oleiros, Herminia Pouso; o técnico provincial de Seaga na Coruña, Óscar Pombo, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez.
A xornada, organizada coa colaboración da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, estará presentada pola xornalista de El Ideal Gallego Lucía Crujeiras.












