Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

O barrio dos Mallos honra ao seu veciño e escultor José Castiñeiras baixo o orballo cun monolito

Ducias de persoas reuníronse na glorieta da rolda de Nelle co homenaxeado

Abel Peña
16/05/2026 13:02

A rotonda da ronda de Nelle situada fronte á avenida dos Mallos viviu onte a homenaxe a José Castiñeiras, un dos escultores con máis obras adornando as rúas herculinas. A pesares do orballo, a Corporación municipal, coa alcaldesa á fronte, acudiu á cita, así como moitos veciños. Despois dos discursos de rigor, a Coral Sariaba interpretou o himno galego mentres se descubría o monolito de granito, feito polo sobriño do artista, Abel Castiñeiras.

Nel podíase ler nunha placa de bronce. “A cidade da Coruña e a Asociación Veciñal Mallos Plataforma ao escultor José Castiñeiras. Honramos a súa pegada histórica na cidade. A súa obra é memoria”. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a inauguración pero tamén asistiu Diego Luis Díaz Méndez, alcalde de Val do Dubra, localidade natal de José Castiñeiras. Rey destacou “a inmensa pegada artística e emocional” que Castiñeiras deixou na cidade a través de obras xa integradas na memoria colectiva da Coruña, como a estatua de María Pita, a Fonte dos Surfistas, As Gaivotas, Os Liberais ou os monumentos dedicados a Pucho Boedo e Álvaro Cunqueiro. Inés Rey subliñou ademais o valor especial dun recoñecemento “nacido desde o corazón do seu barrio”, sinalando que “este homenaxe dos veciños dos Mallos convértese hoxe nun homenaxe de toda a cidade”.

Festa en Ramón Cabanillas

O acto enmárcase na programación de ‘Letras nos Mallos’, organizada pola asociación veciñal coa colaboración do Concello. Todo, como antesala da celebración do Día das Letras Galegas.

Tras a homenaxe a Castiñeiras, a programación continuou na rúa Ramón Cabanillas con actividades populares abertas á veciñanza, incluíndo unha actividade infantil de pintacaras e unha sesión vermú amenizada por DJ Pukas.